A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá E. Riego, unha das empresas da zona que se beneficiaron o pasado ano desta convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
A orde de axudas, dotada de preto de 20 M€, beneficiará a mulleres, persoas mozas, parados de longa duración, retornados, estranxeiros, persoas con discapacidade, en risco de exclusión social ou maiores de 52 anos
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá xunto ao director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, a empresa E.Riego, unha das beneficiarias o pasado ano do programa Galicia Emprega, unha liña de incentivos do Goberno galego á contratación de persoas desempregadas pertencentes a colectivos con dificultades de inserción laboral que este ano pásase a chamar programa Galicia Suma Talento: Emprégate.
A convocatoria, que o pasado ano deixou axudas por valor de preto de 478.000 euros para a formalización de 70 contratos no ámbito da Delegación Territorial, está dirixida a persoas empregadoras, empresas -incluídos autónomos e sociedades civís-, así como entidades sen ánimo de lucro, centros especiais de emprego e empresas de inserción. O obxectivo é favorecer a contratación de persoas desempregadas, especialmente daquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral, como a xuventude, mulleres, persoas de 52 anos ou máis, emigrantes retornados ou estranxeiros.
Aneiros explicou que este programa conta cun orzamento de preto de 20 millóns de euros para o 2026, e que a convocatoria permanece aberta ata o 30 de setembro ou ata esgotamento do crédito. Sinalou tamén a novidade dunha nova modalidade de axuda, destinada á transformación en indefinidos dos contratos formativos subvencionados co Programa de primeira experiencia profesional. Esta súmase ás catro modalidades xa presentes na pasada convocatoria: as axudas para a adaptación de postos de traballo de persoas con discapacidade e os incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregas; ao incremento de xornadas de contratacións indefinidas, de tempo parcial a completo; e ao incremento da duración anual dos contratos fixos descontinuos a un mínimo de 9 meses.
Durante a visita, a delegada puido coñecer o traballo que realizan as dúas persoas contratas o ano pasado na empresa grazas a este programa, polo que E. Riego recibiu unha achega total de 17.500 euros. A representante da Xunta quixo por en valor “a importancia da inserción laboral para o tecido empresarial Galego”.
Contía das axudas
Durante a visita a delegada territorial informou de que todas as contratacións parten dun apoio base de entre 6.000 e 10.000 euros. Estas contías base por cada contrato poderán incrementarse nun 15% se o centro de traballo está situado nun concello da área rural, entre outras casuísticas acumulables entre si, e nun 25% no caso dunha persoa beneficiaria e que superasse os estudos vinculados às bolsas de excelência para a mocidade do exterior (BEME) nos últimos 2 anos. A convocatoria fixa a contía máxima que se subvencionará por persoa contratada co carácter indefinido en 17.000 euros.
