Dentro da renovación integral das políticas activas de emprego, José González destacou o redeseño das principais ordes formativas, como a de AFD (40 M€) e o ‘Galicia Suma Talento: formación persoas ocupadas’ (10,6 M€), ambas abertas
Tamén o novo enfoque do ‘Galicia Suma Talento: Emprégate’, dotado con 19,7 M€ e tamén con prazo de solicitude aberto, que prioriza por primeira vez a contratación de persoas desempregadas formadas a través de programas autonómicos
Sobre a captación de talento, salientou o plan galego baseado nunha inmigración ordenada aliñada coas necesidades do tecido produtivo, para a que urxiu o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo das persoas estranxeiras
Recordou que esta semana avanzou co secretario xeral de Universidades do Ministerio nunha vía específica de homologación das titulacións das persoas beneficiarias das bolsas BEME, co gallo de garantirlles o acceso a traballos acordes á súa formación
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe un encontro coa Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Ceao e As Gándaras, ante a que destacou o modelo de formación para o emprego da Xunta baseado na flexibilidade, nunha oferta ampla tanto para persoas traballadoras ocupadas como desempregadas e en levar a cualificación ás empresas dándolle un papel clave ás microcredenciais, máis aínda agora que está en vigor o decreto galego pioneiro que as regula. No marco da renovación integral das políticas activas de emprego que está a impulsar o Goberno galego para dar resposta aos retos do mercado, da competitividade e da captación de talento, referiuse ao redeseño de ordes con prazo de solicitude aberto como a de accións formativas para persoas desempregadas AFD (40 M€) ou ao programa Galicia Suma Talento: formación persoas ocupadas (10,6 M€).
O conselleiro destacou o esforzo da Xunta por pechar o círculo da empregabilidade conectando ademais a formación para o emprego cos incentivos á contratación. Nesa liña, salientou o novo enfoque da orde Galicia Suma Talento: Emprégate, cun orzamento de 19,7 M€ aberto actualmente para apoiar a contratación das persoas desempregadas con maiores dificultades de inserción laboral, como mocidade, mulleres, persoas paradas de longa duración, emigrantes retornados ou persoas con discapacidade, entre outros colectivos. Así, por primeira vez darase prioridade nos incentivos ás persoas que recibiran previamente formación para o emprego financiada con recursos autonómicos, reforzando así a conexión directa entre as políticas formativas da Xunta e a incorporación efectiva ao mercado laboral.
Captación de talento
José González aproveitou o encontro para facer fixo fincapé no modelo galego de inmigración ordenada, aliñado coas necesidades do tecido produtivo e baseado na integración laboral real, que se estrutura nun primeiro foco no retorno das persoas galegas do exterior e, nun segundo eixe, na atracción de talento procedente de terceiros países. Nesta folla de ruta, aseverou, resulta clave axilizar o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo solicitadas por Galicia para responder con eficacia ás necesidades do mercado laboral. Un traspaso que agarda para este primeiro semestre.
Aínda en relación ás demandas pendentes co Goberno central, recordou que esta mesma semana se avanzou nunha reunión telemática co secretario xeral de Universidades do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades nunha vía específica de homologación de títulos universitarios para persoas beneficiarias das bolsas BEME co gallo de garantir o seu acceso a traballos acordes á súa formación. Na reunión —na que tamén participaron os reitores das universidades públicas galegas— urxiuse un procedemento áxil (coordinado entre Xunta, universidades e Ministerio) que poida acabar beneficiando calquera persoa estranxeira que precise homologación formativa para exercer.