Os representantes autonómicos insisten na necesidade dunha vía áxil —coordinada entre Xunta, universidades e Ministerio— da que poida acabar beneficiándose calquera persoa estranxeira que precise homologación formativa para exercer
Avogan por reducir burocracia, unificar criterios e garantir seguridade xurídica en liña coas recomendacións da UE, urxindo un calendario para ir actualizando o sistema de homologación ou a creación dunha unidade de coordinación para casos prioritarios
Aproveitan para lembrar outras demandas pendentes ao Goberno central como o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo das persoas procedentes de terceiros países, que urxiu para asumila no primeiro semestre
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, mantiveron esta tarde un encontro por videoconferencia co secretario xeral de Universidades do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, Francisco García, para avanzar nunha vía específica de homologación de titulacións universitarias dirixida a persoas beneficiarias das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) co gallo de garantir o seu acceso a postos de traballo acordes á súa formación.
Na reunión —na que tamén participaron os reitores das Universidades de Santiago de Compostela, Antonio López, de Vigo, Manuel Reigosa, e da Coruña, Ricardo Cao, así como o secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez, e da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda,—, os representantes autonómicos insistiron na necesidade de establecer un procedemento áxil —coordinado entre Xunta, universidades públicas galegas e Ministerio— que, dentro do modelo propio de atracción planificada de talento que defende Galicia, poida acabar beneficiando calquera persoa estranxeira con residencia legal que precise homologación formativa para exercer.
Nesa dirección, sinalaron que é un feito que moitas persoas tardan mesmo entre tres e cinco anos en ver recoñecido os seus títulos cando son imprescindibles para traballar en eidos estratéxicos como o tecnolóxico, o sanitario, o educativo, os servizos sociais ou a investigación. Avogando por reducir burocracia, por unificar criterios e por garantir seguridade xurídica en liña coas recomendacións europeas, urxiron un calendario para revisar e actualizar o sistema de homologación específico para persoas beneficiarias das bolsas BEME, a creación dunha unidade de coordinación coa Xunta para casos prioritarios e a participación das universidades galegas nun piloto nacional de avaliación áxil.
Os conselleiros destacaron que a Xunta ten deseñada unha folla de ruta para sumar talento como complemento á forza laboral interna, pero non pode desenvolvela por completo sen a implicación do Goberno central en cuestións que son da súa competencia como a tratada hoxe. Nese senso, aproveitaron para lembrar outras demandas pendentes ao Executivo como o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo das persoas procedentes de terceiros países, que volveu a urxir ao Executivo para asumila no primeiro semestre deste ano ou a actualización do catálogo de postos de difícil cobertura por parte do SEPE.