A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta mañá no acto central organizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través do seu Centro de Estudos Cooperativos de Galicia (Cecoop), con motivo da celebración da Semana Universitaria da Economía Social. Durante a xornada —na que se presentou tamén o Informe da Economía Social en Galicia 2023— Mariño destacou o papel das universidades como espazos clave para achegar a economía social á mocidade e fomentar o emprendemento colectivo como alternativa real de inserción laboral. Subliñou que este modelo ofrece oportunidades profesionais baseadas na innovación, a cooperación e a responsabilidade social, contribuíndo á retención do talento novo.

Así mesmo, remarcou o compromiso da Xunta coa economía social, ámbito ao que destinará este ano preto de 45 M€ no marco da Estratexia galega da economía social: horizonte 2027, co obxectivo de impulsar emprego de calidade e fortalecer un modelo empresarial sustentable e asentado no territorio. Ademais, lembrou a colaboración coa USC no desenvolvemento de Galestat, o portal estatístico da Economía Social en Galicia, que ofrece información actualizada para apoiar a toma de decisións públicas, a investigación académica e a visibilización do sector.

Loading...