A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá ás participantes durante un taller de busca de emprego
Este é un dos tres Programas Integrados de Emprego que o Goberno galego financia este curso no ámbito territorial da Delegación cun investimento conxunto de 580.000 euros
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá no centro de formación Francisco Vizoso, de Mugardos, ás participantes do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol, un dos tres programas que o Goberno galego financia este curso cun investimento conxunto de 580.000 euros.
En concreto, este PIE vai dirixido exclusivamente a mulleres no que toman parte 100 participantes dos concellos de Narón, Valdoviño, Cedeira, Neda, Cabanas, Fene, Mugardos e Ares, todas elas en situación de desemprego e con especiais dificultadas de inserción laboral e conta cunha financiación autonómica de 220.000 euros.
Tal e como explicou Aneiros, o obxectivo deste programa é que un mínimo do 35% do total das participantes atope traballo ao final da súa formación, aínda que como lembrou, xa se superou esta cifra en pasadas edicións.
As alumnas van recibir formación para o emprego nas especialidades de NTICS (intelixencia artificial e Big Data), construción naval, limpeza industrial, cociña, comercio e loxística así como agricultura ecolóxica; propostas que se complementan con obradoiros de habilidades sociais, alfabetización informática, conversa de inglés ou talleres de busca de emprego, como o que se estaba impartindo no día de hoxe.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración inviste na convocatoria 2025-2026 un orzamento de preto dos 10,3 M€, co obxecto de beneficiar a unhas 4.600 persoas desempregadas que recibirán información, orientación, asesoramento e formación para incrementar a súa inserción laboral a través dos distintos Programas Integrados de Emprego.
