Cunha superficie de 843 m², José González salientou que as novas instalacións dan servizo á veciñanza da cidade da Coruña, pero tamén de Cambre, Carral, Cerceda, Culleredo, Oleiros e Sada, tras terse atendido en 2025 nesa oficina case 31.000 citas
Lembrou que o Goberno galego consignou preto de 8 M€ nos Orzamentos de 2026 para seguir avanzando na modernización da rede de oficinas de emprego e centros formativos dependentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Tamén os 2 M€ destinados a seguir avanzando no desenvolvemento da ferramenta EMi que xa ten promovido uns 93.000 perfilados competenciais, entre outras, a través da aplicación móbil que permitirá á cidadanía realizar os seus propios perfilados
Antes da visita á oficina de Monelos, o conselleiro explicou na sede da Cámara de Comercio da Coruña as iniciativas deste ano do seu departamento a prol da empregabilidade e da competitividade do tecido produtivo galego
Á vez que destacou as medidas autonómicas para aproveitar o talento interno, urxiu ao Goberno central o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo para potenciar o plan galego de atracción de traballadores dun xeito planificado
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto co secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe a nova oficina de emprego de Monelos, tras as obras de rehabilitación integral executadas por máis de 1,3 millóns de euros. Alí, enmarcou os traballos que benefician a veciñanza da cidade da Coruña —pero tamén de Cambre, Carral, Cerceda, Culleredo, Oleiros e Sada— no proceso de modernización das infraestruturas do Servizo Público de Emprego de Galicia, para o que se consignou este ano un orzamento de 8 M€ que irán dirixidos tamén aos centros formativos dependentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
No que respecta ás instalacións de Monelos, o conselleiro puxo en valor o local renovado, cunha superficie de 843 m² e cunha vintena de persoas traballadoras que atenderon o ano pasado preto de 31.000 citas e máis de 13.000 demandas de emprego. Dentro das melloras do Servizo na provincia da Coruña, engadiu que está a piques de rematar a fase de adxudicación da redacción dos proxectos das oficinas de Santiago centro e Ferrol centro, neste último caso, que acollerá ademais o Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).
Ao abeiro do proceso de modernización en marcha, o titular de Emprego puxo de relevo tamén os 2 M€ consignados neste 2026 para seguir desenvolvendo a ferramenta de intelixencia artificial EMi, entre outras, a través da aplicación móbil que permitirá á cidadanía realizar os seus propios perfilados competenciais. Unha ferramenta que ten propiciado xa uns 93.000 perfilados en toda Galicia, potenciando as oportunidades laborais das persoas beneficiarias. Deles, uns 35.800 fixéronse na provincia da Coruña.
O conselleiro referiuse a outras cuestións como ao programa de seguimento intensivo da demanda de emprego. Tamén á flexibilización da formación para o emprego e á coordinación entre os programas formativos autonómicos e os apoios á contratación, nomeadamente, os do programa Galicia Suma Talento: Emprégate, que vén de abrir prazo de solicitude este martes deica o 30 de setembro.

Encontro co empresariado coruñés
Previamente á visita á oficina de Monelos, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou nunha xornada na sede da Cámara de Comercio da Coruña que tiña por obxecto explicar ao empresariado da contorna as iniciativas que porá en marcha a Consellería neste 2026. Así, a maiores do programa Galicia Suma Talento: Emprégate, González destacou outras axudas recentemente abertas como as destinadas ás persoas traballadoras autónomas —destacando a orde única por 40,7 M€— ou as dos centros comerciais abertos (2,5 M€).
No encontro, o conselleiro puxo en valor o redeseño integral da formación para o emprego co obxectivo de potenciar o talento interno, avanzando cara a un modelo máis flexible en función das necesidades das empresas. Sobre a captación de talento exterior, urxiu ao Goberno central o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo para potenciar a folla de ruta de Galicia enfocada a atraer traballadores dun xeito planificado.