O DOG publicou esta semana a convocatoria de 2026 do programa Aprol Economía Social coa que se prevé —cunha estimación inicial— impulsar a incorporación de máis de 340 persoas como socias nunhas 160 cooperativas e sociedades laborais
Con estas achegas, o Goberno galego busca promover o emprego, o emprendemento e a competitividade nestas entidades da economía social
As contías de axuda soben se as beneficiarias finais son mulleres, persoas con discapacidade, maiores de 45 anos ou emigrantes retornadas, así como no caso de concellos rurais, cooperativas xuvenís ou de nova creación con catro socios ou máis
Entre os anos 2017 e 2025, a través desta orde, a Xunta apoiou con case 38 M€ a incorporación de preto de 7.000 persoas socias a cooperativas e sociedades laborais
O prazo de presentación de solicitudes abrirá o 2 de marzo e prolongarase ata o 16 de setembro de 2026
O Diario Oficial de Galicia publicou esta semana a convocatoria de apoios de 2026 do programa Aprol Economía Social, dotada cun crédito inicial de 5 M€. Con esta iniciativa, o Goberno galego busca promover o emprego e o emprendemento nas cooperativas e sociedades laborais ao tempo que contribúe a fixar poboación no rural. Deste xeito, coa convocatoria deste ano prevé, cunha estimación inicial, impulsar a incorporación de máis de 340 persoas como socias nunhas 160 cooperativas e sociedades laborais.
O programa conta con dúas liñas compatibles entre si. A primeira con axudas directas a cooperativas e sociedades laborais para que incorporen como socias, dun xeito prioritario, persoas desempregadas; e a segunda está dirixida ás persoas que entren como socias a unha destas entidades cun contrato indefinido ou tras iniciar a súa actividade por conta propia. Neste último caso, os apoios son compatibles co resto de liñas de impulso ao emprendemento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
A contía básica da axuda en cada liña é de 6.000 euros. A finalidade desta iniciativa é facilitar a achega das persoas socias ao capital social e reforzar o emprendemento no eido da economía social, sempre que estivesen previamente desempregadas, fosen socias a proba nas entidades ás que se incorporan, estivesen asalariadas nelas ou noutras empresas que logo se transforman en cooperativa ou sociedade laboral. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas que, sendo desempregadas e inscritas como demandantes de emprego, emprendan unha actividade por conta propia e se incorporen nunha cooperativa como socias en réxime de exclusividade.
Casos nos que sobe a axuda e prazo de solicitudes
En ambas liñas, haberá incrementos da axuda acumulables entre si do 25% se as beneficiarias finais son mulleres, persoas con discapacidade, maiores de 45 anos, emigrantes retornadas ou trans. Tamén se as entidades teñen a sede en contornas rurais, se son cooperativas xuvenís ou de nova creación que conten con catro ou máis socios. Neste sentido, de aplicarse todos estes incentivos en ambos casos, a axuda máxima por persoa podería chegar aos 19.500 euros.
As entidades e persoas interesadas en acceder a estas achegas, poderán consultar os requisitos na orde publicada esta semana no DOG e o prazo de presentación de solicitudes abrirá o 2 de marzo e prolongarase ata o 16 de setembro de 2026.
Cómpre engadir que entre os anos 2017 e 2025, a Xunta apoiou a incorporación de preto de 7.000 persoas socias a cooperativas e sociedades laborais cun investimento de preto de 38 M€ contribuíndo ao reforzo da economía social.
Ligazón á orde no DOG: