O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, vén de manter un encontro co alcalde de Lalín, José Crespo, con quen abordou as vías de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello co gallo de impulsar o emprendemento e a empregabilidade no municipio e potenciar o seu sector comercial. Na reunión —na que tamén estiveron presentes o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño— abordáronse axudas recentemente convocadas como as de apoio ás persoas traballadoras autónomas ou as de centros comerciais abertos, das que se poden beneficiar negocios e entidades de localidades como Lalín.

Así mesmo, tratáronse achegas autonómicas que ten recibido o Concello lalinense como axudas á contratación, de formación para incrementar as oportunidades laborais a través de ferramentas como os obradoiros ou os programas integrados de emprego (PIE) ou a prol do comercio local. Nesa liña, púxose en valor a colaboración no marco das Aldeas de Nadal de Lalín, materializada na dinamización e posta en valor dos denominados Escaparates Máxicos, nun concurso de escaparates e nun curso formativo de escaparatismo e decoración con base artística destinado tanto a comerciantes como a hostaleiros.

Loading...