O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reuniuse recentemente co presidente UPTA-Agtamar, Eduardo Abad

Unha das cuestións abordadas foi o II Congreso Nacional de Remuda Xeracional que organiza esta entidade e se celebrará en abril en Vilagarcía de Arousa co apoio da Xunta e a participación de expertos e profesionais de referencia

Neste ámbito o Goberno galego apoia co Bono Remuda a transmisión de negocios, do que este ano se incrementou o orzamento un 20 % ata os 1,5 M€ e que se enmarca na orde única de axudas específicas aos autónomos que unifica cinco programas (40,7 M€)

Tamén destaca o papel da Rede de polos de emprendemento da Xunta con iniciativas como a Bolsa de remuda de negocios que facilita a transmisión de empresas

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo recentemente unha xuntanza co presidente da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos-Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (UPTA-Agtamar), Eduardo Abad, na que abordaron posibles vías de colaboración e iniciativas para promover a remuda xeracional nos negocios.

Entre elas, o II Congreso Nacional de Remuda Xeracional organizado por esta entidade, que se celebrará en abril en Vilagarcía de Arousa co apoio da Xunta e no que participarán expertos e profesionais de referencia para abordar os principais retos neste ámbito e aspectos como a formación e o emprendemento.

Para facilitar a transmisión de negocios que funcionan e garantir o seu mantemento e futuro, o Goberno galego conta co Bono Remuda, do que este ano se incrementou o orzamento un 20 % ata os 1,5 M€. Este programa é un dos cinco da orde única de axudas dirixidas ao inicio, consolidación, mantemento ou reactivación da actividade, dotada con 40,7 M€ e con prazo de solicitudes aberto ata o 30 de setembro.

Neste ámbito tamén destaca o papel da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta con iniciativas como a Bolsa de remuda de negocios, un servizo que facilita a transmisión de empresas ao conectar a persoas interesadas en vender ou alugar a súa empresa con outras dispostas a continuar coa súa actividade.

Orde única

A orde única que inclúe o Bono Remuda prevé beneficiar 8.700 persoas autónomas en toda Galicia, ás que se engaden as 160 persoas desempregadas que se estima contratar grazas aos apoios á contratación indefinida por parte deste colectivo (1,3 M€) que tamén teñen o prazo de solicitude aberto ata o 30 de setembro. A maiores, pódense solicitar ata o 4 de marzo as axudas ás asociacións de autónomos (350.000 €).

Loading...