Destaca que a ampliación das infraestruturas de Arroupa permitirá avanzar en economía circular e en inclusión social e laboral
Salienta o apoio e implicación de Inditex, ao cal agradeceu que “visibilice e potencie coa súa presenza e compromiso o que isto significa”
Lembra que a Xunta xa está construíndo a primeira planta pública de tratamento de residuos téxtiles, que se espera estea rematada a metade de ano
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou hoxe por favorecer a reutilización e reciclaxe dos residuos téxtiles, a través de iniciativas como a nova instalación que vai comezar a construír Arroupa Moda Re-, ou como a futura planta de Sogama destinada a este fin.
Así o sinalou esta mañá durante a súa participación no acto de inicio das obras das novas infraestruturas que a empresa de inserción laboral de Cáritas Diocesana Santiago vai construír na capital galega e coas que poderán incrementar a súa capacidade de recollida, clasificación e tratamento de roupa. Este reforzo, segundo considerou Rueda, “é unha mostra de compromiso e de credibilidade” que permitirá importantes avances en economía circular e en inclusión social e laboral. Neste sentido salientou o apoio e implicación de Inditex, ao cal agradeceu que “visibilice e potencie coa súa presenza e compromiso o que isto significa”.
O presidente precisou que a reutilización e reciclaxe de roupa que non se usa permite diminuír o número de residuos, un “problema ambiental ao que hai que darlle solución”. Ademais, eloxiou que esta empresa, ademais de doar prendas a quen o necesita, tamén ofrece emprego a cidadáns en risco de exclusión “dignificando a persoas que só queren traballar e que están nunha situación moi difícil”, combinando o coidado do medio ambiente coas oportunidades aos colectivos con máis dificultades, “todo aquilo que fai que a vida sexa un pouco mellor”.
Rueda recordou que a Xunta tamén está construíndo a primeira planta pública de xestión de residuos téxtiles, que se espera estea rematada a metade de ano. Esta nova instalación de Sogama permitirá un importante salto adiante na xestión destes residuos e encádrase nos obxectivos que marca a Unión Europea neste sentido.
Por último, o titular do Executivo galego sinalou que Galicia Calidade tamén é “amosar todo o que facemos ben, e este é un dos mellores exemplos” e apelou ao compromiso das entidades, administracións públicas e do conxunto da sociedade na “procura do interese común”.