O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá na apertura da xornada Reformas e relacións laborais: decisións empresariais nun novo escenario, organizada polo Círculo de Empresarios de Galicia e apoiada pola Xunta. Alí, puxo de relevo a nova Certificación Galega de Excelencia en Igualdade impulsada polo Goberno galego para recoñecer as empresas e entidades do terceiro sector que destaquen na aplicación das políticas de igualdade de cara á equiparación laboral entre mulleres e homes.
Na súa intervención, o secretario xeral vencellou a igualdade coa competitividade, sinalando a importancia de tela en conta á hora de atraer talento para garantir a solidez dos equipos de traballo e, en consecuencia, dos proxectos empresariais. Referiuse á nova certificación como unha ferramenta que permitirá estruturar e proxectar o compromiso do empresariado coa igualdade, establecendo unha serie de requisitos, condicións e criterios para a súa obtención e renovación, así como os dereitos e obrigas derivados da concesión deste distintivo por parte da Xunta, de cara a asegurar o impacto na xestión de persoas e no posicionamento do tecido produtivo.