Coas achegas para o inicio, mantemento, consolidación ou reactivación da actividade, publicadas nunha orde única (40,7 M€), prevese beneficiar 8.700 persoas e coas de contratación indefinida polo colectivo (1,3M€) unhas 160 persoas desempregadas
Poderán solicitarse ata o 30 de setembro e ademais, ata o 4 de marzo, tamén está aberto o prazo de solicitudes das achegas ás asociacións de autónomos (350.000€)
Dentro da orde única, amplíase a dous anos a cota 0 aos autónomos que inicien a súa actividade en sectores asociados á agricultura, gandaría e silvicultura e sobe nun 20% o orzamento do Bono Remuda
O paquete único incorpora ademais o Bono Nova Oportunidade —para retornar ao autoemprego—, o Bono Autónomo —en negocios con máis de 42 meses activos— e achegas á conciliación familiar, co obxectivo de facilitar a actividade deste colectivo
A Xunta lembra que desde hoxe ata o 30 de setembro as persoas traballadoras autónomas poden solicitar as achegas dirixidas ao inicio, consolidación, mantemento ou reactivación da actividade, publicadas nunha da orde única dotada con 40,7 M€ e tamén dos apoios á contratación indefinida por parte deste colectivo —1,3 M€—. En concreto, coa orde única prevese beneficiar 8.700 persoas autónomas e coa de contratación a unhas 160 persoas desempregadas. A maiores, está aberto ata o 4 de marzo o prazo das axudas ás asociacións de autónomos —350.000€—.
A orde única abarca cinco programas e pon o foco no pulo ao sector primario, o rural e a remuda. Neste senso, inclúe novidades no programa de promoción de emprego autónomo, ampliando a dous anos a cobertura da cota cero aos autónomos que inicien a súa actividade asociada á agricultura, gandaría e silvicultura —axuda de ata 1.920€— fronte aos 12 meses da liña xeral —960€ de apoio—. Ademais, sobe nun 20% a contía do Bono Remuda —1,5 M€— dado o auxe da liña destinada a facilitar a transmisión de negocios.
Este paquete inclúe ademais o Bono Nova Oportunidade —para retornar ao autoemprego—, o Bono Autónomo —axudas a investimentos e melloras en negocios con máis de 42 meses activos— e á conciliación familiar, co obxectivo de facilitar a actividade deste colectivo.
Contías de cada programa da orde unificada
Dos preto de 41 M€ da orde unificada —cofinanciada parcialmente pola UE a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027— 28,9 M€ dedícanse ao programa de promoción do emprego autónomo que consta de dúas liñas, unha para impulsar o inicio da actividade e o mantemento de emprego dos autónomos e outra coa que se garante a cota cero durante 12 meses de actividade, a nivel xeral e ata 24 meses nos casos de inicio de actividade en calquera sector asociado á agricultura, gandaría e silvicultura. Para o Bono Nova Oportunidade destínanse 1,5 M€ e para o Bono Autónomo, 8 M€.
No Bono Remuda, os 1,5 M€ abarcan apoios para quen asume o relevo, con dúas liñas: o Bono remuda rural —para negocios en concellos de menos de 10.000 habitantes— e o Bono remuda xeral —para os que están en concellos de 10.000 habitantes ou máis—. Ademais, desde o ano pasado tamén incorpora apoios para quen traspasa por xubilación, oscilando entre os 3.000 € e 6.000 € en función de se o concello no que está situado o negocio é de máis ou menos de 10.000 habitantes. Pola súa banda, o programa de conciliación conta con 750.000 € e tres liñas: apoio á contratación dunha persoa desempregada para cubrir a súa baixa de maternidade ou paternidade —ou por risco polo embarazo ou a lactancia—, a contratación dunha persoa desempregada para o coidado de menores, maiores ou dependentes ou para financiar servizos de coidado para persoas ao cargo do autónomo.
Axudas para a contratación indefinida e ás asociacións de autónomos
En canto ás axudas á contratación e á formación de persoas desempregadas por parte dos propios autónomos en Galicia, apoiarán en concreto a contratación indefinida do primeiro, segundo e terceiro traballador e inclúe dous tipos de axudas compatibles: os bonos de contratación e de formación para impulsar a cualificación das persoas empregadas. No caso dos destinados ao funcionamento das asociacións de autónomos, a finalidade é apoiar o movemento asociativo do colectivo.
Ligazón á orde única no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260204/AnuncioG0767-130126-0004_gl.html
Ligazón á orde de achegas á contratación indefinida:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260204/AnuncioG0767-130126-0006_gl.html
Ligazón á orde de axudas ás asociacións de autónomos: