O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o programa Galicia Suma Talento: Emprégate (19,7 M€), que coordina os incentivos á contratación e os programas formativos para facilitar a empregabilidade das persoas con maiores dificultades de inserción laboral

Tamén publica unha nova edición do Programa Investigo (máis de 4,8 M€), co gallo de apoiar a contratación indefinida a tempo completo de persoas menores de 30 anos nos ámbitos da investigación, da tecnoloxía e da innovación

A maiores, hoxe publícase a nova convocatoria de apoio ás Iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cunha dotación orzamentaria de 500.000 euros, que inclúe achegas para a contratación indefinida, o inicio da actividade ou a conciliación

O prazo de solicitude das tres ordes estará aberto deica o 30 de setembro deste ano

O Diario Oficial de Galicia (DOG) convoca hoxe preto de 25 M€ en axudas para impulsar a contratación de colectivos prioritarios. Así, por unha banda, publica o programa Galicia Suma Talento: Emprégate (19,7 M€), cun novo enfoque nos apoios á contratación das persoas desempregadas con maiores dificultades de inserción laboral enmarcado na renovación integral das políticas activas de emprego que está a levar a cabo a Xunta. Por outra, publícase unha nova edición do Programa Investigo, con máis de 4,8 M€ para apoiar a contratación de menores de 30 anos nos ámbitos da investigación, da tecnoloxía e da innovación.

A maiores, hoxe publícase a nova convocatoria de apoio ás Iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cunha dotación orzamentaria de 500.000 euros, que inclúe achegas para a contratación indefinida, para o inicio e posta en marcha da actividade, para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar e para a función xerencial.

Galicia Suma Talento: Emprégate

Primeiramente, este programa inclúe incentivos pioneiros para a contratación indefinida daquelas persoas desempregadas que nos últimos dous anos remataran accións de AFD, obradoiros de emprego, programas integrados de emprego —aos que se destinarán 1,5 M€— ou un contrato formativo ao abeiro das axudas de 1ª experiencia profesional —cun orzamento neste caso de 1 M€—. Ademais, por primeira vez nunha iniciativa deste tipo, a axuda ao centro de traballo poderase incrementar nun 25% no caso de que a persoa a contratar superase os estudos vinculados ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) nos dous anos previos.

Outra das novidades dentro deste modelo radica en optimizar a inserción das mulleres con máis dificultades de acceso ao mercado laboral. Neste sentido, poténcianse as axudas para a contratación de mulleres vítimas da violencia de xénero e da trata de seres humanos ou con fillos/as menores de 3 anos desempregadas por terse dedicado ao coidado. Deste xeito, a achega por muller contratada chegará aos 10.000 euros.

Con esta convocatoria a Xunta prevé promover a contratación indefinida dunhas 2.500 persoas desempregadas pertencentes aos colectivos con maiores dificultades de inserción laboral. É dicir, a mocidade, mulleres vítimas de violencia de xénero e/ou vítimas de trata de seres humanos, con fillos menores de 3 anos, en ocupacións masculinizadas, persoas paradas de longa duración, maiores de 52 anos, persoas emigrantes retornadas ou estranxeiras e persoas con discapacidade ou en risco exclusión social. Neste sentido, está dirixida ás persoas empregadoras e empresas, incluídos os autónomos e as sociedades civís, así como as entidades sen ánimo de lucro, centros especiais de emprego e empresas de inserción. Terán de prazo para solicitar estes apoios desde o 17 de febreiro ata o 30 de setembro deste ano.

Programa Investigo

No caso do Programa Investigo, prevese apoiar a contratación de entre 140 e 210 persoas menores de 30 anos como investigadoras, tecnólogas, persoal técnico e outros perfís profesionais vinculados á I+D+i, en función dos módulos salariais que se apliquen. O prazo de solicitudes estará aberto do 18 de febreiro ao 30 de setembro. Do total do orzamento, e ao igual que na convocatoria de 2025, reservarase 1 M€ para entidades privadas sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia cuxa actividade principal sexa a I+D+i.

As contratacións formalizaranse mediante contratos indefinidos a tempo completo, cun período máximo subvencionado de 12 meses. As persoas destinatarias finais, de entre 16 e 30 anos, deberán atoparse en situación de desemprego e inscritas como demandantes de emprego no momento do inicio da relación laboral. Unha vez contratadas, desenvolverán as súas actividades en sectores estratéxicos como a transición ecolóxica, a economía verde —incluíndo enerxías renovables, eficiencia enerxética, tratamento de augas e residuos ou industria agroalimentaria—, así como na dixitalización de servizos, enxeñaría de datos e data science. As iniciativas poderán abranguer tamén ocupacións relacionadas coa sanidade e a investigación.

Apoio ás IEBT

Por último, a convocatoria para impulsar as iniciativas empresariais de base tecnolóxica estará aberta do 17 de febreiro ao 30 de setembro. Persegue apoiar o funcionamento destes proxectos durante o seu primeiro ano de actividade —incluíndo a contratación de persoal cualificado— con achegas que poden ir dos 10.000 aos 47.000 euros por entidade.

O obxectivo desta medida, da que se poderán beneficiar ata 21 empresas cualificadas, é facilitar que proxectos con base no coñecemento científico e na investigación poidan converterse en empresas viables, capaces de consolidarse no mercado desde as súas primeiras fases de actividade. Cómpre destacar que en todos os casos, se a IEBT está constituída como cooperativa ou sociedade laboral, a axuda nesta modalidade incrementarase nun 25 %.

Ligazón á orde do programa Galicia Suma Talento: Emprégate no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260210/AnuncioG0767-130126-0010_gl.html

Ligazón á orde do Programa Investigo no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260210/AnuncioG0767-210126-0003_gl.html

Ligazón á orde de apoio ás IEBT no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260210/AnuncioG0767-210126-0005_gl.html

Loading...