A delegada territorial da Xunta en Ferrol informou da resolución da convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración durante unha visita aos alumnos que tomaron parte na primeira acción formativa do Programa Integrado de Emprego das Pontes, As Somozas e A Capela 2025/2026
A Xunta de Galicia financia este curso 2025/2026 con 580.000 euros un total de tres Programas Integrados de Emprego (PIE) nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Trátase dos PIE promovidos polo Concello de Ferrol; polo Concello das Pontes, que abrangue tamén como ámbito de actuación os municipios das Somozas e A Capela, e pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, exclusivo para mulleres.
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, informou desta resolución durante a acción formativa Iniciación en competencias dixitais básicas, a primeira acción desenvolvida no marco do Programa Integrado de Emprego (PIE) do Concello das Pontes, As Somozas e A Capela que a Xunta financiou cunha achega autonómica de 140.000 euros.
Esta xornada vai dirixida a 15 dos 100 alumnos que participan no PIE e que se corresponden con persoas desempregadas, tanto homes como mulleres, pertencentes a colectivos con especiais necesidades de apoio, como persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, migrantes, maiores de 52 anos ou menores de 30 anos, entre outros.
A delegada territorial lembrou que o Programa Integrado de Emprego das Pontes, As Somozas e A Capela estivo dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción laboral dos alumnos participantes a través de diferentes accións como a que hoxe se levou a cabo, durante un período de 12 meses.
Aneiros sinalou que a Xunta inviste nos PIE deste período máis de 10 M€, “un investimento que se sumará aos preto de 129 M€ que desde 2009 leva dedicados a Xunta a este instrumento, incluíndo neste balance a convocatoria 2025-2026”.
