O negocio O Pan do Barrio é un dos beneficiarios o ano pasado dunha axuda do programa de promoción do emprego autónomo para impulsar o inicio e mantemento da súa actividade de venda de pan e produtos de panadería

González explicou que esta é unha das liñas do paquete único de apoios para o inicio, mantemento, consolidación ou reactivación da actividade dos que se lanzou esta semana a convocatoria de 2026 xunto coa de axudas á contratación e ás asociacións

Salientou que a orde única inclúe como novidades a ampliación a dous anos a cota 0 aos autónomos que inicien a súa actividade en sectores asociados á agricultura, gandaría e silvicultura e a suba dun 20% no orzamento do Bono Remuda

Lembrou que o prazo de presentación de solicitudes a orde única así como das axudas á contratación por parte de autónomos abrirá o mércores e prolongarase ata o 30 de setembro e no caso das axudas ás asociacións xa está aberto e remata o 4 de marzo

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou hoxe en Santiago de Compostela o establecemento O Pan do Barrio, que resultou beneficiario o ano pasado dunha axuda do programa de promoción do emprego autónomo para impulsar o inicio e mantemento da súa actividade de venda de pan e produtos de panadería. Alí estivo acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e puxo de relevo o papel da Xunta como Administración facilitadora e dentro del o apoio ao labor integral dos autónomos.

Neste sentido, expuxo que o programa do que foi beneficiario O Pan do Barrio é un dos cinco que desde o ano pasado se unificaron nunha mesma orde para avanzar na súa tramitación e lembrou que esta semana o Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria de 2026 destes apoios (40,7 M€), xunto coas ordes de achegas dirixidas a apoiar a contratación indefinida de persoas desempregadas por parte dos autónomos (1,3 M€) e ás asociacións deste colectivo (350.000€). O investimento global destinado a estes apoios é de máis de 42 M€ para beneficiar 8.700 persoas autónomas no caso da orde única e a unhas 160 persoas desempregadas cos apoios á contratación por parte deste colectivo.

En relación coa orde única, o conselleiro puxo de relevo que inclúe novidades no programa de promoción de emprego autónomo, ampliando a dous anos a cobertura da cota cero aos autónomos que inicien a súa actividade asociada á agricultura, gandaría e silvicultura. Ademais, refórzase o orzamento do Bono Remuda cunha suba do 20% no orzamento, que pasa a ser de 1,5 M€, debido ao auxe desta liña para facilitar a transmisión de negocios e que inclúe tanto axudas para quen asume o relevo como para quen traspasa por xubilación.

Expuxo ademais que as outras liñas que forman parte deste paquete único son o Bono Nova Oportunidade —para retornar ao autoemprego—, o Bono Autónomo —axudas a investimentos e melloras en negocios con máis de 42 meses activos e á conciliación familiar, co fin de facilitar a actividade deste colectivo. Tamén explicou que o prazo de presentación de solicitudes desta orde única —cofinanciada parcialmente pola UE a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027— así como das axudas á contratación por parte de autónomos abrirá o vindeiro mércores 11 de febreiro e prolongarase ata o 30 de setembro e no caso das axudas ás asociacións do colectivo xa está aberto e remata o 4 de marzo.

Apoios á contratación indefinida e ás asociacións de autónomos

En canto ás axudas á contratación e á formación de persoas desempregadas por parte dos autónomos en Galicia, apoiarán en concreto a contratación indefinida do primeiro, segundo e terceiro traballador e inclúe dous tipos de axudas compatibles: os bonos de contratación e de formación para impulsar a cualificación das persoas empregadas. No caso dos destinados ao funcionamento das asociacións de autónomos, a finalidade é apoiar o movemento asociativo do colectivo.

Estes apoios, engadiu José González, compleméntanse con outros do Goberno galego como os destinados a novos proxectos emprendedores (6,7 M€), dos que está aberta a convocatoria de 2026, e os que son para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas (1 M€), para os que abrirá o prazo de solicitudes o vindeiro luns.

Colectivo clave

No relativo ao labor deste colectivo, o conselleiro salientou que os autónomos como Pilar Reboredo, propietaria de O Pan do Barrio, son unha figura clave na economía galega. De feito, pecharon o ano pasado representando máis do 19% dos afiliados á Seguridade Social . Ademais, segundo a EPA, no cuarto trimestre de 2025 Galicia rexistrou 8.100 traballadores independentes máis que hai un ano.

Loading...