Neste eido destacan medidas autonómicas como a Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia 2025–2030 e o Manifesto de vontades para a creación da Rede Galega do Ecosistema de Emprendemento
José González destacou o compromiso autonómico coa artesanía galega, recollido no Plan estratéxico do comercio 2025–2030 e que se potenciará co reforzo de programas como Artesanía no Prato e Aprender da tradición. Oficios e técnicas
Puxo de relevo o labor da Fundación RIA e de David Chipperfield a prol da dinamización e vertebración do territorio e na exposición coa traerán a Galicia a profesionais internacionais e locais de diferentes campos do deseño
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe na inauguración da mostra Deseño para vivir: material, proceso e obxectos cotiáns, dedicada ao traballo do estudo David Chipperfield Design e que acolle Casa RIA. Alí destacou o potencial do deseño e da artesanía como baluartes do emprendemento ligado ao territorio, esencia que recolle a mostra inaugurada hoxe e o labor da Fundación RIA, presidida por Chipperfield, a prol da dinamización e vertebración do territorio.
Neste eido destaca a Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia 2025–2030, que nace da designación de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025 e que actualmente está en período de consulta co sector. Con esta folla de ruta a Xunta busca que as ideas dos emprendedores galegos, tanto dos que están en Galicia como dos que retornan a ela desde o exterior, conten con todos os recursos necesarios para convertelas en realidade. A isto engádese o Manifesto de vontades para a creación da Rede Galega do Ecosistema de Emprendemento, que está aberto a todas as entidades do ecosistema emprendedor que desexen adherirse. Neste ámbito é clave da Rede de polos de emprendemento, que conta con 15 oficinas repartidas por territorio galego nas que se levan atendido máis de 5.500 proxectos.

A artesanía como paradigma
En canto á artesanía como motor do emprendemento, salientou a aposta de Galicia por esta actividade a través da Fundación Artesanía de Galicia e o selo Artesanía de Galicia como garante de calidade e identidade. Este compromiso vese reflectido no Plan estratéxico do comercio 2025–2030, que recolle distintas accións a prol desta actividade.
Entre elas, este ano destinaranse preto de 1M€ á dinamización da actividade artesanal e se avanzará en proxectos clave como Artesanía no Prato, iniciativa pioneira en España pola que a Fundación Artesanía de Galicia foi recoñecida recentemente co Premio Nacional de Artesanía na categoría Promociona para Entidades Públicas. Tamén se reforzará a iniciativa Aprender da tradición. Oficios e técnicas e se lanzarán bolsas para aprendices asociadas a este programa (1M€).
A exposición
A exposición inaugurada hoxe inclúe proxectos de deseño impulsados polo estudo David Chipperfield Design nas últimas tres décadas e que están conectados coa contorna. Ten como fin poñer en valor o deseño como acto de coidado, enraizado no material, no territorio e na vida cotiá. Ao mesmo tempo, busca fortalecer a relación entre a artesanía e os materiais locais. Esta mostra complementarase cunha programación de seminarios e conferencias que reunirán a profesionais internacionais e locais de diferentes campos do deseño (gráfico, industrial, moda, editorial, etc). Neste sentido, José González, recoñeceu o traballo da Fundación RIA para traer o talento destes expertos a Galicia.