José González destacou o esforzo da Xunta tanto no mercado laboral interno como na atracción e retención de talento exterior, co obxectivo de garantir a man de obra necesaria en sectores estratéxicos como o lácteo e fixar poboación

Defendeu o modelo de captación de talento da Xunta, planificado desde a orixe e conectado coas necesidades das empresas, con medidas eficaces para o rural como o Retorna Cualifica Emprego, que contará cunha nova edición este ano de 1,8 M€

No relativo ao reto da vivenda, sinalou que está prevista unha nova orde de 1,5 M€ para que empresas, propietarios e concellos rehabiliten inmobles no rural destinados exclusivamente á residencia habitual de traballadores con contrato laboral

Insistiu na necesidade de que o Executivo central axilice o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo para poder xestionar con maior axilidade e criterio territorial a falta de profesionais en ámbitos clave

No pulo á xeración de actividade económica, destacou o papel do Polo de Coristanco ou a batería de axudas aos autónomos (máis de 42 M€), con novidades como a cota cero durante dous anos para novos autónomos da agricultura, gandaría e silvicultura

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe na clausura do IV Foro Empresarial Lácteo: Viabilidade e eficiencia na produción de leite e sostibilidade territorial, organizado polo centro de promoción rural EFA Fonteboa. Durante tres xornadas, o evento reuniu explotacións, empresas, representantes institucionais e axentes sociais para analizar os principais retos do sector lácteo.

Na súa intervención, González destacou o esforzo da Xunta no marco das políticas activas de emprego por fomentar a actividade económica no rural, tendo en conta o actual contexto demográfico, e garantir a remuda xeracional, especialmente en sectores estratéxicos como o lácteo. Tamén afondou nas medidas en marcha para atraer e reter talento do exterior, incentivando así a man de obra necesaria para as empresas e contribuíndo á fixación de poboación no medio rural.

O conselleiro detallou o modelo galego de atracción de talento exterior, baseado nunha planificación desde a orixe, na conexión coas necesidades reais das empresas e nun proceso de integración socio laboral ordenado. Este modelo prioriza tanto o retorno de galegos do exterior —con medidas como o programa Retorna Cualifica Emprego, que contará cunha nova edición este ano de 1,8 M€— como a incorporación de traballadores de terceiros países, especialmente de América Latina, polo seu arraigamento sociocultural.

Así mesmo, poñendo o foco no papel da vivenda, González subliñou que en 2026 está previsto o lanzamento dunha orde dotada con 1,5 millóns de euros para rehabilitación de inmobles no medio rural —propiedade de empresas, persoas físicas ou concellos con acordos co tecido produtivo—, destinados exclusivamente á residencia habitual de traballadores con contrato laboral. O conselleiro enfatizou que o rural e sectores produtivos como o lácteo serán prioritarios nesta iniciativa, que busca ser unha ferramenta clave para incorporar man de obra.

Neste mesmo sentido, o conselleiro insistiu na importancia de avanzar no traspaso das autorizacións iniciais de traballo solicitado ao Estado para poder xestionar con maior axilidade e criterio territorial a falta de profesionais en sectores prioritarios e lamentou a política migratoria do Goberno, con medidas improvisadas e sen planificación —advertiu— que non garanten unha integración real nin unha vinculación efectiva ao emprego de calidade.

Xeración de actividade económica no rural

A aposta pola atracción de talento complétase cunha ampla batería de medidas a favor do emprendemento ligado ao territorio. Neste sentido, González referiuse á Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, actualmente en fase de consulta co sector, e cuxo corazón será a Rede de polos, que conta precisamente en Coristanco cunha oficina que xa asesorou máis de 400 proxectos. Ademais destacou a orde dotada con 6,7 millóns de euros para apoiar ata 800 novas iniciativas emprendedoras constituídas desde 2024. As axudas, de ata 35.000 euros por proxecto, poderán solicitarse ata o 2 de marzo de 2026. Nos criterios de valoración teranse en conta o sector primario, forestal, prevención de lumes, servizos sociais e a localización en concellos emprendedores ou con menos de 20.000 habitantes.

Ademais, González lembrou as axudas aos autónomos publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia, cun investimento superior aos 42 millóns de euros. Estas medidas inclúen apoios ao inicio, mantemento, consolidación ou reactivación da actividade, incentivos á contratación indefinida e achegas ás asociacións, así como novidades específicas para o rural, como a ampliación a dous anos da cota cero para novos autónomos en sectores vinculados á agricultura, gandaría e silvicultura, e o incremento do Bono Remuda.

Loading...