As achegas convocadas hoxe no Diario Oficial, de Galicia son para o inicio, mantemento, consolidación ou reactivación da actividade (40,7 M€), á contratación indefinida polo colectivo (1,3M€) e ás asociacións (350.000€)

Para axilizar a tramitación convócanse cinco programas nunha única orde, ampliando a dous anos a cota 0 aos autónomos que inicien a súa actividade en sectores asociados á agricultura, gandaría e silvicultura e sobe nun 20% o Bono Remuda

O paquete único, que tamén inclúe apoios á conciliación e os bonos nova oportunidade e autónomo, beneficiará ata 8.700 persoas autónomas e os apoios á contratación por parte deste colectivo a unhas 160 persoas desempregadas

O prazo para presentar solicitudes da orde única, así como das axudas á contratación por parte de autónomos abrirá o 11 de febreiro e prolongarase ata o 30 de setembro e no caso das axudas ás asociacións do colectivo será desde mañá ao 4 de marzo

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as ordes dos apoios específicos ás persoas traballadoras autónomas aos que destina en total máis de 42 M€. As achegas son as dirixidas ao inicio, consolidación, mantemento ou reactivación da actividade, a través dunha orde única dotada con 40,7 M€ para beneficiar 8.700 persoas autónomas, e que se complementan coas dirixidas a apoiar a contratación indefinida de 160 persoas desempregadas polo colectivo —1,3 M€— e ás asociacións de autónomos —350.000€—.

Para avanzar na súa tramitación, dentro da batería de axudas cinco programas volven quedar unificados nunha orde, con foco no pulo ao sector primario, o rural e a remuda. Así, incorpora novidades no programa de promoción de emprego autónomo, ampliando a dous anos a cobertura da cota cero aos autónomos que inicien a súa actividade asociada á agricultura, gandaría e silvicultura —axuda de ata 1.920€— fronte aos 12 meses da liña xeral —960€ de apoio—. Ademais, sobe nun 20% o orzamento do Bono Remuda —1,5 M€— dado o auxe da liña destinada a facilitar a transmisión de negocios.

Este paquete suma tamén o Bono Nova Oportunidade —para retornar ao autoemprego—, o Bono Autónomo —axudas a investimentos e melloras en negocios con máis de 42 meses activos— e á conciliación familiar, co obxectivo de facilitar a actividade deste colectivo.

Importes por programa da orde unificada

Respecto á orde unificada, 28,9 M€ dedícanse ao programa de promoción do emprego autónomo que consta de dúas liñas, unha para impulsar o inicio da actividade e o mantemento de emprego dos autónomos e outra coa que se garante a cota cero durante 12 meses de actividade, a nivel xeral e ata 24 meses nos casos de inicio de actividade en calquera sector asociado á agricultura, gandaría e silvicultura. Para o Bono Nova Oportunidade consignaranse 1,5 M€ e para o Bono Autónomo, 8 M€.

No Bono Remuda, os 1,5 M€ abarcan apoios para quen asume o relevo, con dúas liñas: o Bono remuda rural —para negocios en concellos de menos de 10.000 habitantes— e o Bono remuda xeral —para os que están en concellos de 10.000 habitantes ou máis—. Ademais, desde o ano pasado tamén incorpora apoios para quen traspasa por xubilación, oscilando entre os 3.000 € e 6.000 € en función de se o concello no que está situado o negocio é de máis ou menos de 10.000 habitantes. Pola súa banda, o programa de conciliación conta con 750.000 € e tres liñas: apoio á contratación dunha persoa desempregada para cubrir a súa baixa de maternidade ou paternidade —ou por risco polo embarazo ou a lactancia—, a contratación dunha persoa desempregada para o coidado de menores, maiores ou dependentes ou para financiar servizos de coidado para persoas ao cargo do autónomo.

Achegas para a contratación indefinida e ás asociacións de autónomos

En canto ás axudas á contratación e á formación de persoas desempregadas por parte dos propios autónomos en Galicia, apoiarán en concreto a contratación indefinida do primeiro, segundo e terceiro traballador e inclúe dous tipos de axudas compatibles: os bonos de contratación e de formación para impulsar a cualificación das persoas empregadas. No caso dos destinados ao funcionamento das asociacións de autónomos, a finalidade é apoiar o movemento asociativo do colectivo.

O prazo para presentar solicitudes da orde única, cofinanciada parcialmente pola UE a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, así como das axudas á contratación por parte de autónomos abrirá o 11 de febreiro e prolongarase ata o 30 de setembro e no caso das axudas ás asociacións do colectivo será desde este xoves, 5 de febreiro, ao 4 de marzo. Ademais, hoxe o DOG tamén publicou as novas axudas para apoiar o autoemprego de persoas retornadas, cunha dotación inicial de máis de 1 M€ e que poderán solicitarse desde o vindeiro 9 de febreiro ata o 30 de setembro de 2026.

Loading...