O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova edición do Bono consolida economía social, con achegas que poderán ser de ata 30.000 euros
O seu obxectivo é apoiar a transformación dixital, a eficiencia enerxética e a competitividade de cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego, reforzando a súa presenza no tecido económico
Como novidade, a Xunta priorizará os gastos de investimento fronte aos correntes e elévase de dous a tres anos a obriga de mantemento da forma xurídica dos beneficiarios, co gallo de asegurar a súa permanencia
O prazo de presentación de solicitudes abrirá o 10 de febreiro e prolongarase ata o 10 de abril, e estímase que se poidan favorecer destes apoios unhas 250 entidades
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria deste ano do Bono consolida economía social, dotada con 2,73M€. Con estas achegas, o Goberno galego apoia a consolidación das entidades da economía social de Galicia e contribúe a reforzar a súa presenza no tecido económico, con especial incidencia na transformación dixital e na mellora da eficiencia enerxética, e ao mesmo tempo impulsa empregos inclusivos e de calidade.
Estímase que estas axudas permitirán favorecer preto de 250 entidades de economía social. Neste sentido, poden ser beneficiarias destes apoios sociedades cooperativas e laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego que estean rexistrados e acrediten unha antigüidade mínima de 42 meses.
Como novidade, a Xunta priorizará os gastos de investimento fronte aos correntes co fin de acadar unha efectiva consolidación das entidades da economía social. Dáse así resposta á demanda real detectada na pasada orde, ao tempo que se prima un tipo de gasto que logra xerar un maior retorno no medio e longo prazo. A maiores, elévase de dous a tres anos a obriga de mantemento da forma xurídica das entidades beneficiarias, así como da súa actividade empresarial, co gallo de asegurar a súa permanencia no tecido produtivo.
As achegas serán de ata 30.000 euros por entidade e a intensidade da axuda do 80% do custo subvencionable. Entre outras actuacións con elas fináncianse, investimentos realizados entre o 1 de novembro de 2025 e o 30 de outubro de 2026 en equipamento informático, software, márketing, eficiencia enerxética, elementos de transporte, formación para os socios afiliados ao réxime de traballo autónomo (Reta) ou reformas que se realicen en calquera instalación do centro de traballo.
O prazo de presentación de solicitudes abrirá o 10 de febreiro ás 09,00 h. e prolongarase ata o 10 de abril ás 20,00 h.
Ligazón á orde no DOG: