A anterior convocatoria do programa Galicia Exporta Empresas beneficiou a 23 firmas da provincia de Lugo, que recibiron case 700.000 euros para impulsar a súa presenza en mercados exteriores
O delegado territorial, Javier Arias, visitou en Vilalba Maderas Goiriz, que se acolleu a estes apoios en 2025 para participar en feiras internacionais
A Xunta acaba de abrir o prazo de solicitude das axudas do programa Galicia Exporta Empresas, destinadas a impulsar a internacionalización do tecido produtivo. O prazo de presentación comezou onte e prolongarase ata o 30 de setembro.
Así o explicou hoxe en Vilalba o delegado territorial, Javier Arias, no transcurso dunha visita a Maderas Goiriz, que se acolleu á convocatoria do ano pasado para realizar accións de promoción exterior e para acudir ás feiras internacionais Bauma, Batimatec e ICCX Norte de África, celebradas en Alemania, Arxelia e Marrocos, respectivamente.
Arias sinalou que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) destina 9 millóns de euros a este programa en 2026, para fomentar iniciativas de internacionalización que xeren vantaxes competitivas ás pemes galegas.
As actuacións subvencionables inclúen a participación en feiras e eventos presenciais ou virtuais, campañas de márketing e comunicación en mercados exteriores, actividades de prospección e análise de novos mercados ou accións de dixitalización para favorecer a internacionalización.
Na provincia de Lugo, 23 empresas recibiron preto de 700.000 euros en axudas a través da convocatoria deste programa en 2025. Entre elas hai catro da Terra Chá – dúas de Vilalba, unha de Guitiriz e unha de Cospeito – que suman 82.000 euros de incentivos para impulsar a súa proxección exterior.
O delegado apuntou que, igual que o ano pasado, a Xunta activou xa a inicios de ano a maior parte das liñas de axudas do Igape “para que o empresariado saiba con que vai poder contar e poida organizar os seus investimentos”. Así, xa están en marcha 13 programas que suman máis de 180 millóns de euros para impulsar a competitividade do tecido empresarial galego.