A Xunta reforza a recualificación das persoas traballadoras ocupadas cunha convocatoria de 4 M€ para formación adaptada ás necesidades das empresas

Atendendo ás necesidades de cada empresa, esta iniciativa permite formación ampla —grao C, ata 1000 horas—, fragmentala en módulos máis curtos —grao B, 200-300 horas —, ou mesmo un bloque concreto dese módulo —grao A, 30-40 horas—

A contía do apoio por cada acción formativa calcularase en función do alumnado participante, das horas de formación, da especialidade formativa ou da modalidade de impartición, podendo outorgarse ás entidades anticipos do 60 %

En paralelo, a Xunta abre hoxe o prazo de solicitudes para a nova edición das Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), cun orzamento total de 40 M€

Ambas iniciativas intégranse no redeseño da formación para o emprego impulsado pola a Xunta a través dunha batería de accións para persoas traballadoras —ocupadas e desempregadas— na que será estratéxico o decreto para regular as microcredenciais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de 2026 dotada con 4 M€ para o financiamento de accións formativas a demanda do tecido produtivo galego e dirixidas a persoas traballadoras ocupadas para que adquiran de xeito áxil e flexible novos coñecementos e competencias. Búscase ofrecer solucións efectivas inmediatas para contribuír á cualificación e reciclaxe profesional constante, reforzando paralelamente a competitividade empresarial.

A iniciativa inscríbese no redeseño integral da formación para o emprego que está a impulsar a Xunta —no marco do que se vén de aprobar o decreto pioneiro para regular as microcredenciais no ámbito da formación para o emprego— baseado na flexibilización, a axilidade e unha maior conexión co mercado laboral, ofrencendo unha completa batería de accións formativas para mellorar a empregabilidade das persoas traballadoras —tanto ocupadas como desempregadas— e dar resposta ás demandas de talento.

Concretamente, a través da convocatoria publicada hoxe no DOG, unha empresa poderá solicitar a través dunha entidade acreditada e segundo as súas necesidades, unha formación ampla de grao C -de ata 1.000 horas- nun determinado ámbito, podendo fragmentar de xeito máis cirúrxico a súa demanda, optando só por un módulo de entre 200 e 300 horas (grao B) ou mesmo por un bloque concreto incluído nese mesmo módulo, en torno ás 30 ou 40 horas (grao A).

Como novidade —e en liña con outras ordes como as Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD)— cada acción debe responder a unha demanda real do tecido produtivo, cun compromiso previo acreditado de cando o menos o 30 % do alumnado.

Detalles da convocatoria

A convocatoria ten carácter anual e a concesión das axudas efectuarase en réxime de concorrencia non competitiva. Poderán beneficiarse destas achegas as entidades e centros de formación acreditados para impartir as ofertas formativas obxecto de subvención, que poderán ser presenciais ou en modalidade de teleformación.

A contía da subvención por cada acción calcularase en función do alumnado participante, das horas de formación, da especialidade formativa ou da modalidade de impartición, podendo outorgarse ás entidades anticipos do 60%. O prazo de presentación de solicitudes abre o 27 de xaneiro e estará vixente ata o 30 de setembro, salvo esgotamento de crédito. As formacións deben comezar no máximo de dous meses a contar desde a data de notificación da resolución, sendo o límite para rematar o 29 de novembro deste ano.

Apertura do prazo de solicitudes para as AFD

En paralelo, a Xunta abre hoxe o prazo de solicitudes para a nova edición das Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), cun orzamento total de 40 M€ —procedentes de fondos finalistas do Estado— distribuído en dúas anualidades (30 M€ en 2026 e 10 M€ en 2027). A convocatoria, cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 30 de novembro, abrangue formación presencial e de teleformación nos graos A, B e C, impartida por entidades e centros debidamente acreditados. As accións están orientadas principalmente a persoas desempregadas, admitíndose de maneira excepcional a participación de persoas ocupadas ata un máximo do 30 % das prazas cando non se cubran con demandantes de emprego. O obxectivo é potenciar a inserción laboral mediante a adquisición de competencias aliñadas coas necesidades reais do mercado de traballo.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260120/AnuncioG0767-231225-0009_gl.html
Loading...