O DOG publica hoxe a orde de apoios Galicia Suma Talento: formación persoas ocupadas que poderán solicitar centros acreditados desde o 30 de xaneiro ata o 1 de decembro para a posta en marcha de accións a demanda do tecido produtivo
No marco do redeseño integral da formación para o emprego que impulsa a Xunta, a convocatoria introduce novidades orientadas a desestacionalizar a oferta, gañar axilidade e reforzar o vencello co mercado a prol da reciclaxe profesional continua
As axudas destínanse á impartición de accións incluídas no catálogo do Servizo Público de Emprego Estatal, cunha ampla variedade de especialidades profesionais, incluídas as de sectores estratéxicos como a automoción ou as enerxías renovables
Esta oferta complétase coa nova convocatoria de apoios á formación para persoas ocupadas a demanda do tecido produtivo, destinada ao financiamento de accións do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C e que abre o vindeiro martes 27
En paralelo, a Xunta xa ten aberto ata o 30 de novembro o prazo de solicitudes para a nova edición das Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), cun orzamento total de 40 M€ para 2026-2027
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o novo plan Galicia Suma Talento: formación persoas ocupadas, dotado con 10,6 M€ para os anos 2026-2027 e que se enmarca no redeseño integral da formación para o emprego que está a impulsar a Xunta, unha transformación estrutural que vén acompañada de fitos como a recente aprobación do decreto pioneiro para regular as microcredenciais no ámbito da formación para o emprego.
Coa presente convocatoria —coa que se prevé beneficiar arredor de 20.000 persoas— a Xunta segue a liña xa marcada na orde de Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), aberta ata o 30 de novembro, e introduce novidades orientadas a desestacionalizar a oferta, gañar axilidade e reforzar a conexión co mercado laboral, ofrecendo respostas inmediatas ás necesidades de cualificación e reciclaxe profesional.
Entre os cambios máis relevantes, establécese un sistema de concorrencia non competitiva, polo que as subvencións se conceden por orde de entrada ata o esgotamento do crédito. Este modelo permite adaptar a programación ás necesidades reais das empresas, que poderán solicitar formación cando a precisen a través das entidades homologadas. Co obxectivo de garantir a adecuación da oferta á demanda existente, as entidades deberán acreditar, para cada acción, un compromiso previo dun mínimo do 30 % do alumnado. Así mesmo, poderán presentar varias solicitudes ata acadar o número máximo de accións permitido. Finalmente, flexibilízase o acceso para as persoas que se atopen nun procedemento de homologación de estudos estranxeiros ou pendentes da expedición dun certificado profesional.
Detalles da convocatoria
Poderán ser beneficiarias das axudas as entidades e centros de formación inscritos no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia ou, no caso da modalidade de teleformación, no Rexistro Estatal de Entidades de Formación.
As accións formativas poderán impartirse en modalidade presencial ou teleformación e están dirixidas preferentemente a persoas ocupadas, aínda que se permite a participación de persoas desempregadas ata un máximo do 30 % das prazas, sempre que estas non se cubran con persoas con traballo. A contía da subvención por cada acción formativa calcularase en función do número de persoas participantes, das horas de formación, da especialidade formativa e da modalidade de impartición, prevéndose anticipos de ata o 60 %. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o 30 de xaneiro ata o 1 de decembro de 2026, salvo esgotamento de crédito. A data límite para o remate das accións formativas desta primeira convocatoria será o 31 de marzo de 2027.
Amplo abano formativo para ocupados
As axudas publicadas hoxe destínanse á impartición de accións de formación tanto de curta como de longa duración incluídas no catálogo do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), que abrangue unha ampla variedade de especialidades de todas as familias profesionais, incluídas as correspondentes a sectores estratéxicos como a automoción ou as enerxías renovables. Esta oferta complétase coa nova convocatoria de apoios á formación para persoas ocupadas a demanda do tecido produtivo —destinada ao financiamento de accións do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, así como de competencias clave—, cuxo prazo de presentación de solicitudes se abre o vindeiro martes 27 e permanecerá vixente ata o 30 de setembro.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260123/AnuncioG0767-301225-0001_gl.html