O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitaron hoxe o Centro Especial de Emprego da Fundación Hospitalarias Betanzos, que ofrece emprego a arredor dunha vintena de persoas con discapacidade e está especializado nos servizos de lavandería para o sector sociosanitario en Galicia.
Durante a súa visita, Pablo Fernández destacou o valor do proxecto, cuxo obxectivo é favorecer a plena integración laboral das persoas residentes na Fundación Hospitalarias Betanzos, así como doutras persoas con discapacidade procedentes de localidades próximas. Subliñou tamén que se trata dun exemplo de como, desde os principios da economía social,se contribúe de xeito efectivo á integración laboral de persoas con discapacidade ao prestar servizos a empresas e entidades da contorna, xerando impacto positivo, tanto comunitario como económico. Pola súa banda, Marta Mariño reafirmou o compromiso do Goberno galego de seguir promovendo o emprego inclusivo e de fortalecer o labor dos centros especiais de emprego. Lembrou que estes centros, xunto coas empresas de inserción, contaron en 2025 cun apoio autonómico de 33,7 millóns de euros, unha mostra do impulso decidido da Xunta ao emprego con valor social e inclusivo.
