O delegado territorial, Javier Arias, explica que neste momento estanse a impartir unha decena de accións formativas en distintas especialidades con máis dun cento de alumnos matriculados

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o Centro de Formación Profesional Ocupacional da Xunta na capital lucense, onde puxo en valor o papel que xoga este espazo para favorecer a inserción laboral das persoas desempregadas na zona centro da provincia, cunha ampla oferta formativa que abrangue 10 familias profesionais diferentes.

Neste momento estanse a impartir unha decena de cursos con 113 alumnos e alumnas matriculados. Están centrados en áreas como a fontanería e a climatización domésticas; xardinería; montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios; atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións; limpeza; operacións auxiliares de montaxe de sistemas microinformáticos; servizo de entrega e recollida domiciliaria e soldadura, entre outras.

Así mesmo, esta semana comeza unha nova actividade lectiva sobre mantemento de sistemas de transmisión de forza e trens de rodaxe de vehículos automóbiles. A programación ata maio de 2027 inclúe outros 20 cursos máis aínda por impartir.

As formacións que se imparten ao longo do ano teñen unha duración de entre 3 e 6 meses e van dirixidas principalmente a mellorar a cualificación profesional de persoas desempregadas, aínda que tamén poden admitir traballadores en activo.

O centro conta con 11 aulas, 2 aulas-taller e 5 talleres para impartir formación teórica e práctica, que se complementa con colaboracións con empresas. En canto ás familias profesionais, inclúen distintas especialidades de administración e xestión; agraria; edificación e obra civil; electricidade e electrónica; enerxía e auga; fabricación mecánica; informática e comunicación; instalación e mantemento; servizos socioculturais e transporte e mantemento de vehículos.

Arias resaltou que á hora de programar as actividades, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración toma como referencia as necesidades formativas detectadas no sector a través dos contactos establecidos cos axentes sociais e coas asociacións e empresas do territorio.

Loading...