O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, mantivo un encontro co alcalde da Peroxa, Manuel Seoane, no que analizaron distintas vías para seguir reforzando a cooperación entre a Xunta de Galicia e o concello en ámbitos vencellados ao emprego e á captación de perfís profesionais ligados ás necesidades do territorio. Durante a reunión púxose o foco en retos como a incorporación de perfís cualificados e a cobertura de vacantes, cuestións nas que o Goberno galego vén traballando de xeito estratéxico, tanto en medidas orientadas á atracción planificada de talento procedente do exterior como en accións dirixidas á formación e retención do capital humano existente en Galicia. No relativo ao plan de atracción de talento—con foco no retorno das persoas emigrantes galegas e cun segundo eixo na incorporación de traballadores de terceiros países—, o conselleiro lembrou que este ano a Xunta poñerá en marcha unha nova liña de axudas á rehabilitación de vivendas, dotada con 1,5 M€, dirixida ás persoas contratadas ao abeiro deste plan.
En paralelo, a Consellería de Emprego continúa a impulsar programas de formación e emprego en colaboración cos municipios, como xa se vén facendo co concello da Peroxa. Entre estas iniciativas destaca a próxima orde Galicia Suma Talento: Rural Activo, prevista para 2026 e dotada con preto de 20 M€, coa que se prevé apoiar arredor de 300 entidades locais na contratación de máis de 1.000 persoas desempregadas, principalmente para tarefas relacionadas coa prevención de incendios, incorporando como novidade axudas para a contratación de coordinadores municipais de prevención.