A representante do Goberno galego explicou que o programa Emega comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Oroso, Alex Doval, visitou esta mañá, o establecemento hosteleiro Al Alba beneficiario do programa Emega de emprendemento feminino, que recibiu da Consellería de Política Social e Igualdade unha achega de 10.000 euros da liña Emerxe, que da incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia ou allea, concretamente neste caso os cartos foron destinados á creación dun novo posto de traballo por conta propia.
Belén do Campo subliñou que o obxectivo da Xunta con esta orde de achegas , foi ofrecer o maior volume de recursos para favorecer a iniciativa empresarial das mulleres e brindarlles maiores oportunidades para diminuír as fendas de xénero.
A delegada destacou que na comarca de Ordes resultaron beneficiadas 7 emprendedoras, concretamente, no concello de Oroso 4 recibiron a liña Emerxe e unha delas recibiu tamén a liña Emega Concilia, complementaria para promover a conciliación e 3 do concello de Ordes recibiron tamén axudas do programa Emerxe e unha delas a maiores o Concilia. En total os apoios ascenderon a 76.000 euros.
Na provincia da Coruña resultaron beneficiados, na convocatoria de 2025, 172 negocios dirixidos por mulleres, que cun investimento de máis de 2 millóns de euros, crearon un total de 254 postos de traballo indefinidos, 176 por conta propia e 78 por conta allea. Durante a súa estadía no local, a delegada territorial lembrou tamén que a Xunta contou nesta orde cun orzamento de 5 millóns de euros para toda Galicia.
“Apoiar o empoderamento económico e social das mulleres -resaltou a delegada territorial- fomentando o emprego feminino liderado por elas mesmas é un dos piares irrenunciables sobre os que se asenta a actuación da Xunta, no marco da igualdade de oportunidades”. Por iso, “debemos seguir a incidir no deseño actuacións específicas que promovan a formación e a ocupación de mulleres, potenciando o seu liderado e iniciativa empresarial”; sentenciou.

O programa Emega
A representante do Goberno galego explicou que o programa Emega comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.
Tamén detallou que a convocatoria conta con 4 modalidades de axuda. A primeira delas é Emega Emerxe, con contías de ata 22.000 euros, para apoiar novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea. A segunda, Emega Impulsa, con ata 17.000 euros de subvención, para favorecer a reactivación e a consolidación de empresas constituídas por mulleres, así como a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade. E a terceira modalidade de achega é Emega Innova, con contías de ata 42.000 euros, para o desenvolvemento de iniciativas empresariais con contido científico ou con base tecnolóxica.
Por último, e co obxectivo de favorecer a conciliación, conta cunha axuda complementaria ás tres anteriores, Emega Concilia. Con esta modalidade, cunha contía máxima de 5.000 euros, preténdese dar pasos adiante na conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral tanto das mulleres promotoras da iniciativa empresarial como das traballadoras por conta allea.