Anunciouno hoxe a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, nunha visita ao Polo de emprendemento arousán, onde recordou que a aceleradora Xunta Impulsa forma parte do proxecto transfronteirizo ES-Factory
Destacando a variedade das iniciativas elixidas sinalou que predominan as do ámbito educativo ou cultural, así como as que dan protagonismo ao rural e á natureza no campo da produción agroalimentaria, da gastronomía, do ocio ou da cosmética
Mariño aproveitou para pór de relevo o labor do equipo técnico do Polo vilanovés, que ten atendido uns 270 proxectos e promovido a creación de preto dunha vintena de empresas, realizando unhas 650 sesións de titoría gratuítas e individualizadas
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou hoxe o Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Vilanova de Arousa, onde destacou que este mes de xaneiro se comezarán a titorizar os 15 proxectos seleccionados no marco da aceleradora de economía social Xunta Impulsa, que acollerá precisamente o Polo arousán. Trátase dunha iniciativa de formación e asesoramento que se completará con sesións de mentoría especializada e que está enmarcada no proxecto transfronteirizo ES-Factory, de cooperación Galicia–Norte de Portugal e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027.
Destacando a variedade das iniciativas elixidas, Mariño sinalou que proceden de toda Galicia e que predominan as do ámbito educativo ou cultural, así como as que dan protagonismo ao rural e á natureza no campo da produción agroalimentaria, da gastronomía, do ocio ou da cosmética. Tamén está representado o eido do deporte, o do benestar ou o sector TIC.
Segundo apuntou a directora xeral, a aceleradora de economía social desenvolverase deica o mes de abril, tanto con sesións presenciais no Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Vilanova de Arousa como con outras telemáticas, para culminar nun acto final de posta en valor dos proxectos e dos avances acadados grazas ás sinerxías xeradas entre as distintas persoas participantes.
Balance do Polo de Vilanova
A representante autonómica aproveitou a visita —na que tamén estivo o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán— para poñer de relevo o labor do Polo vilanovés, salientando que, desde a súa posta en marcha en novembro de 2024, ten atendido uns 270 proxectos e promovido a creación de preto dunha vintena de empresas. Todo no marco das máis de 5.300 iniciativas asesoradas no conxunto dos 15 Polos repartidos por toda Galicia.
Así, o equipo técnico do centro vilanovés realizou unhas 650 sesións de titoría gratuítas e individualizadas co gallo de dar resposta ás persoas emprendedoras que acudiron ás instalacións (un 55 % delas, mulleres), adaptándose ás fases concretas dos seus proxectos. Nese senso, cómpre destacar que máis dun terzo se encontraba na fase de definición do modelo de negocio.
Por sectores, destacan as actividades administrativas e servizos auxiliares (20 %), seguidas das actividades artísticas e de entretenemento (13 %), da hostalaría (12 %) e doutros servizos (12 %). Canto ás actividades, o Polo de Vilanova ten organizado máis de medio cento, entre reunións con entidades do territorio, accións de formación e eventos.