O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, presidiu a reunión da Mesa do Emprego Autónomo de Galicia, que fixo balance do traballo por conta propia na Comunidade durante o 2025 e avanzou estratexias para o 2026
Sobre as novidades na convocatoria única do ano vindeiro, destacou que incrementará ata os 1,5 M€ o Bono Remuda e estenderá ata os 24 meses a cota cero para as novas altas de autónomos que se produzan na agricultura, na gandaría ou na silvicultura
A maiores, puxo en valor a potenciación dos Polos que levan atendido máis de 5.300 proxectos e a rede que se impulsou no I Congreso Ultreia Galicia para garantir que toda a cidadanía galega conta cos mesmos recursos de asesoramento para emprender
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, presidiu a reunión da Mesa do Emprego Autónomo de Galicia co obxectivo de facer balance do traballo por conta propia no ano que pecha e de avanzar estratexias para o exercicio que vén. Na xuntanza na que participaron as principais organizacións representativas do traballo autónomo en Galicia —APE Galicia, ATA e Agtamar-UPTA—, o secretario xeral destacou que a orde única para este colectivo que se consolidará o ano que vén con preto de 41 millóns de euros de orzamento potenciará a remuda xeracional e o sector primario ao incrementar o Bono Remuda ata os 1,5 M€ e estender ata os 24 meses a cota cero para novas altas na agricultura, na gandaría ou na silvicultura.
Coa previsión de beneficiar unhas 9.000 persoas traballadoras autónomas polo seu papel fundamental á hora de xerar emprego, vertebrar o territorio e fixar poboación, Fernández incidiu en que a convocatoria única volverá integrar os principais programas de apoio ao sector. Así, abranguerá desde o inicio da actividade ata a súa consolidación e mantemento e incluirá tamén medidas de conciliación, remuda e axudas para quen desexe darse unha nova oportunidade no ecosistema emprendedor.
Nesa liña, cómpre sinalar que Galicia é a terceira comunidade con maior presenza de persoas traballadoras autónomas en relación co total das afiliacións. O colectivo representa preto do 20 %, case catro puntos por riba da media estatal.
Na xuntanza tamén se abordou a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, con 15 centros espallados pola Comunidade que xa levan asesorado máis de 5.300 proxectos. O representante autonómico asegurou o seu reforzo de cara ao 2026, baixo a coordinación do Centro de Orientación ao Emprendemento, e tendo como base tamén a rede impulsada no I Congreso Ultreia Galicia que se baseará na colaboración público-privada para promover unha estrutura estable de coordinación —presente en todo o territorio— co obxectivo de que calquera persoa, en calquera parte de Galicia, poida acceder á formación, acompañamento ou ao financiamento necesario para o seu proxecto.