O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou en Melide nun encontro de proxectos tecnolóxicos impulsados desde a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que leva atendido máis de 5.300 iniciativas
A xuntanza serviu para avaliar a próxima convocatoria autonómica para darlle un pulo ás IEBT co gallo de dar continuidade a esta iniciativa pioneira no Estado que, desde que xurdiu en 2001, favoreceu a creación de máis de 2.200 postos de alta cualificación
Desde a súa posta en marcha, o Polo de Melide leva asesorados máis de 320 proxectos, contribuíu á creación de 30 empresas e promoveu máis dun cento de actuacións, entre encontros con axentes locais, accións formativas e eventos
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe en Melide nun encontro de proxectos tecnolóxicos impulsados desde a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Nel preséntanse 13 iniciativas innovadoras que están a xurdir no ámbito rural relacionadas con aspectos como a intelixencia artificial, sensores intelixentes, plataformas dixitais, o turismo, a música e o benestar e que forman parte dos máis de 5.300 proxectos atendidos nos Polos de emprendemento de Galicia. Así mesmo, o acto serviu para avaliar a próxima convocatoria da Xunta para impulsar as iniciativas de base tecnolóxica (IEBT) co gallo de dar continuidade a esta iniciativa pioneira no Estado que, desde que xurdiu en 2001, ten favorecido a constitución de máis de 400 empresas destas características e a creación de máis de 2.200 postos de alta cualificación, principalmente no ámbito das actividades científicas e da información e comunicación.
Aproveitando o acto, Pablo Fernández salientou a importancia deste tipo de citas para fomentar o diálogo, a aprendizaxe compartida e a colaboración entre persoas emprendedoras, a Administración pública e entidades colaboradoras. Neste sentido, subliñou que iniciativas coma esta tamén contribúen a identificar retos comúns, xerar sinerxías e reforzar a comunidade emprendedora local, contribuíndo así á innovación e ao desenvolvemento económico do territorio.
En concreto, os proxectos sobre os que se afonda neste encontro son Viñalert, de sensores e analítica intelixente para viñedos; Smart Album, de tecnoloxía aplicada á música; Hotel Twin, relacionado coa intelixencia artificial para turismo e franquicias; Camino Compostela, unha axencia de viaxes online especializada nas rutas do Camiño de Santiago; Livddans, de tecnoloxía e formación online para baile; Elora, relacionado con inodoros intelixentes orientados ao benestar, control sanitario e optimización de consumos; e Precise Future, de desenvolvemento de sofware personalizado.
Neste encontro tamén se presenta Vacantes.gal, que é unha plataforma de intermediación laboral; Alejandro Barral Licitaciones, unha plataforma e servizo dixital de acceso, xestión e automatización de licitacións para empresas; Arnech, que ofrece solucións dixitais para a mellora dos procesos en pemes; AK Investiment Trade Global, unha aplicación de chatbot de intelixencia artificial; La Tribu Verde, unha consultora medioambiental especializada no sector das producións audiovisuais, festivais e eventos recoñecida como Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT); e Bertinver Business Growth, centrada en actividades de enxeñaría, consultoría e prestación de servizos tecnolóxicos.

Polo de emprendemento de Melide
O Polo de emprendemento de Melide, impulsor do encontro de hoxe, é unha das 15 oficinas da Rede de polos de emprendemento da Xunta, que ofrece un servizo gratuíto de acompañamento e asesoramento personalizado tanto a persoas que están a valorar a posibilidade de poñer en marcha unha iniciativa empresarial como a aquelas que xa comezaron a súa actividade e queren fortalecela. A Rede presta especial atención ao medio rural, co obxectivo de reactivar a economía local e favorecer a fixación de poboación. Neste marco, o Polo de Melide leva asesorado máis de 320 proxectos empresariais, contribuíu á creación de 30 empresas e promoveu máis dun cento de actuacións, entre encontros con axentes locais, accións formativas e eventos organizados no seo da propia Rede.