José González puxo de relevo a aposta da Cámara pontevedresa pola formación en beneficio das persoas desempregadas ou do comercio local, así como a súa implicación á hora de brindar oportunidades profesionais ás novas xeracións
Avanzando a institucionalización do Diálogo Social cun futuro decreto, defendeu o modelo Xunta para atallar a cobertura de vacantes, a remuda xeracional, a necesidade dunha formación para o emprego máis flexible ou o absentismo laboral inxustificado
Salientou novidades como o futuro decreto de microcredenciais, as propostas redeseñadas para formar persoas desempregadas e ocupadas, a coordinación entre accións formativas e apoios á inserción ou a futura Oficina de Atracción de Talento
En contraposición ao papel da Xunta como Administración facilitadora, lamentou os atrancos do Goberno central ao tecido produtivo e o incremento desproporcionado desde 2018 das cargas fiscais ás empresas, especialmente ás pemes
Destacou que España figura entre os países con maior dependencia da recadación procedente das empresas, que achegan de forma directa e indirecta o 48,8 % do total, fronte ao 39,4 % da media da UE
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe en valor o papel da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa no marco da colaboración público-privada pola que avoga a Xunta para consolidar o emprendemento e o emprego en Galicia. Aproveitando a clausura da reunión do Pleno da Cámara de hoxe, o conselleiro destacou a entidade como clave para impulsar o tecido empresarial e comercial da súa contorna, poñendo de relevo a súa aposta pola formación en beneficio das persoas desempregadas ou do comercio local, así como a súa implicación á hora de brindar oportunidades profesionais ás novas xeracións.
Nese senso, González salientou os apoios autonómicos que se veñen consolidando a prol das accións formativas para desempregados organizadas pola Cámara pontevedresa ou o convenio coa Xunta que incide na formación en xestión ou estratexia comercial, na transformación dixital, no punto de venda ou na sustentabilidade, retos de futuro do comercio. Así mesmo, resaltou o seu compromiso coa contratación das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, co gallo de proporcionarlles experiencia para a súa integración no mercado laboral. Avanzando a próxima institucionalización do Diálogo Social cun futuro decreto, o titular de Emprego defendeu o modelo Xunta de colaboración con axentes como as cámaras de comercio para abordar retos estratéxicos como a cobertura de vacantes, a necesidade dunha formación para o emprego máis flexible, a remuda ou ao absentismo laboral inxustificado que —neste último caso— conta precisamente cun grupo específico de traballo dentro do Diálogo Social. Entre as novidades para 2026, citou o futuro decreto de microcredenciais , os novos obradoiros duais (48,1 M€), ou a primeira convocatoria do Galicia Suma Talento: Plan de Formación Empresas (8,5 M€ para 2026/2027).
O conselleiro tamén aludiu á modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia coa potenciación da ferramenta EMi e co desenvolvemento do programa pioneiro de seguimento intensivo da demanda de emprego para as persoas de difícil inserción. Xa no ámbito do emprendemento, reafirmou o apoio á Rede de Polos, que xa ten atendido arredor de 5.300 proxectos en Galicia, máis de 1.500 en Pontevedra, e puxo en valor a fase de achegas na que se atopa a futura Estratexia de Emprendemento ligado ao territorio. Nesa liña, González destacou o papel clave do comercio como motor emprendedor, que se seguirá potenciando a través do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.
Demandas ao Goberno central
En contraposición ao papel da Xunta como Administración facilitadora, o conselleiro lamentou os atrancos do Goberno central ao aprobar medidas de gran relevancia sen Diálogo Social e incrementar de xeito desproporcionado desde 2018 as cargas fiscais ás empresas. Esta situación —sinalou— frea o crecemento do tecido produtivo, especialmente o das pemes. Neste sentido, e atendendo a un informe do IEB, destacou que España figura entre os países con maior dependencia da recadación procedente das empresas, que achegan de forma directa e indirecta o 48,8 % do total, fronte ao 39,4 % da media da UE. Así mesmo, subliñou que a contribución das mesmas ao PIB é do 17,8 % —por riba do 14,8 % da media da UE— e que España se sitúa entre os cinco países do mundo desenvolvido con maior carga fiscal empresarial en relación co excedente bruto en termos de contabilidade. Por outro lado, lembrou cuestións pendentes como o traspaso de competencias das autorizacións iniciais de traballo das persoas procedentes de terceiros países, a consideración das microcredenciais para a integración sociolaboral das persoas migrantes ou a actualización do catálogo dos postos de difícil cobertura. Mentres, saudou a boa disposición por parte do Goberno para adoptar unha vía áxil de homologación de títulos universitarios para os bolseiros BEME, que podería beneficiar logo outras persoas que precisen desa homologación para exercer.