A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe na apertura do Congreso de activación ao emprendemento Activa Talento, organizado por Inserta Empleo, a entidade da Fundación ONCE dedicada á formación e ao emprego das persoas con discapacidade. Alí, destacou que a Xunta de Galicia consolidará en 2026 a súa aposta a prol da economía social, con preto de 45 millóns de euros que incluirán as iniciativas para promover a inserción laboral das persoas con diversidade funcional.
Nese senso, a directora xeral destacou os apoios aos centros especiais de emprego, centrados en potenciar a incorporación das persoas con discapacidade no réxime de traballo ordinario, ou a formación dual destinada ás persoas con discapacidade intelectual e problemas de saúde mental. Engadiu que se veñen de aprobar en Consello da Xunta máis de 5,2 M€ en apoios destinados a reforzar o ecosistema da economía social como motor de emprego no territorio, en concreto, o Bono Consolida Economía Social (2,73 M€), incentivos ás empresas de inserción (1,5 M€), achegas ás entidades da Rede Eusumo (690.000 euros) e ás asociacións da economía social (335.000 euros).