José González pon en valor o peso deste colectivo no mercado laboral galego, con máis de 212.300 afiliados, o que sitúa Galicia como a terceira comunidade con maior proporción de emprego por conta propia, case catro puntos por riba da media estatal
Asegura que Galicia mantén o seu firme compromiso de escoitar, atender e acompañar aos axentes económicos que sosteñen o mercado laboral, crean emprego e xeran impacto no territorio, fronte ás cargas crecentes que impón o Goberno central
Avanza o paquete de apoios para o sector estenderá a cota cero para novos autónomos ata 24 meses para os que inicien actividades vinculadas á agricultura, gandaría ou silvicultura e incrementará nun 20 %, o orzamento do bono Remuda
A remuda xeracional tamén será un eixo clave da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, que contempla tamén medidas potenciar a reforzar a Rede de polos e atraer talento da Galicia Exterior
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participa hoxe na entrega de galardóns ás persoas traballadoras autónomas distinguidas no marco do XV Congreso da Asociación Intersectorial de Autónomos/as e Pequenas Empresas de Galicia (APE).
José González sinala a importancia de seguir traballando da man de entidades como APE e salienta a aposta por fortalecer en Galicia un ecosistema no que emprender sexa máis doado, seguro e atractivo a través de ferramentas clave como a futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio e a orde unificada de axudas para persoas autónomas, que volverá convocarse en 2026 cun orzamento próximo aos 41 millóns de euros.
O Goberno autonómico pon en valor o importante peso deste colectivo no mercado laboral galego, con máis de 212.300 afiliados e afiliadas, o que sitúa Galicia como a terceira comunidade con maior proporción de emprego por conta propia, case catro puntos por riba da media estatal. Ademais, é a segunda comunidade autónoma cun maior peso de autónomos empregadores —3.500 máis que hai un ano—e destaca a relevancia de sectores como o comercio, a construción, o primario ou a hostalaría como piares do tecido autónomo.
Fronte aos retos que afronta o colectivo nun contexto no que o Executivo central continúa acumulando cargas sen ter en conta a realidade dos autónomos, segundo remarca o conselleiro, a Xunta mantén o seu compromiso de escoitar, atender e acompañar aos axentes económicos que sosteñen o mercado laboral, crean emprego e xeran impacto no territorio, así como seguir avanzando na simplificación administrativa e na redución de burocracia.

Orde unificada de axudas
A orde unificada de axudas para autónomos de 2026 volverá integrar os principais programas de apoio, que abranguen desde o inicio da actividade ata a consolidación e mantemento, incluíndo medidas de conciliación e axudas para aquelas persoas que queiran retomar un proxecto emprendedor tras unha etapa previa como autónomas.
Entre as novidades, a cota cero para novos autónomos durante 12 meses estenderase ata os 24 no caso das persoas que se inicien en actividades vinculadas á agricultura, á gandaría ou á silvicultura. Ademais, o bono remuda incrementarase un 20 %, ata 1,5 millóns de euros, para favorecer a continuidade dos negocios e garantir a remuda xeracional.
Emprendemento ligado ao territorio
O tecido autónomo tamén xogar un papel fundamental na futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, con horizonte en 2030 e da que a Xunta vén de presentar as liñas mestras. Entre os seus eixos principais, salientou o foco na remuda xeracional —con novas medidas como unha bolsa de negocios en traspaso e un escaparate dixital—, o impulso e especialización da Rede de polos —fortalecendo o labor das 15 oficinas espalladas por Galicia que xa atenderon máis de 5.200 proxectos— e a aposta por atraer talento da Galicia Exterior.