O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o incremento de máis de 1,3 M€ no crédito da última convocatoria destas achegas, o que supón unha suba de case un 12% e que permitirá desenvolver seis programas máis

Deste xeito, serán en total uns 55 proxectos, 19 a desenvolver por concellos e 36 por entidades sen ánimo de lucro, o que permitirá atender un total dunhas 5.500 persoas desempregadas —100 por cada plan— durante un período de 12 meses

As persoas beneficiarias destes programas reciben formación para o emprego e teñen a posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia co contido teórico-práctico das accións formativas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha ampliación de crédito de máis de 1,3 M€ para a última convocatoria de axudas destinadas á realización de programas integrados de emprego en entidades sen ánimo de lucro e concellos cos que se melloran as oportunidades laborais das persoas sen emprego. Deste xeito, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración incrementa en case un 12% a contía destes apoios aos que destinará en total máis de 11,5 M€.

Esta suba do orzamento permitirá desenvolver seis programas integrados de emprego máis, que se suman aos 49 que foron concedidos co crédito inicial desta convocatoria, o que suporá unha previsión total de 55 proxectos, 19 a desenvolver por concellos e 36 por entidades sen ánimo de lucro. Deste xeito, ás 4.900 persoas beneficiarias dos plans aprobados co crédito inicial poderanse sumar con esta ampliación unhas 600 persoas máis, o que permitirá atender un total dunhas 5.500 persoas desempregadas —100 por cada plan— durante un período de 12 meses.

Estas persoas deben constar inscritas como desempregadas no Servizo Público de Emprego de Galicia e delas, como mínimo, deben ser inseridas no mercado laboral o 35% durante a execución do proxecto. Todas elas reciben formación para o emprego e teñen a posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas (teñen que realizar estas prácticas un mínimo de 15 persoas) en consonancia co contido teórico-práctico das accións formativas e co fin de incrementar a súa inserción laboral. Ademais, durante todo o proceso formativo, o alumnado recibe orientación, asesoramento e información profesional e proporciónaselles técnicas de motivación para o emprego e intelixencia emocional, habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista. Cada proxecto contará cun equipo técnico especializado, cuxos custos salariais e de Seguridade Social serán subvencionados. Así mesmo, cubriranse os gastos derivados de desprazamentos, materiais e equipamentos técnicos, entre outros.

Novidades da última convocatoria

Como novidade da última convocatoria, destináronse 2 M€ a plans específicos para persoas maiores de 52 anos, que se sumaron á reserva doutros 2 M€ orientada ás mulleres, que nos últimos anos representaron arredor do 60 % das persoas participantes. Tamén incorporou criterios de valoración renovados que apostan, entre outras, por propostas que integren tecnoloxías emerxentes como a IA ou o Big Data, e que estean en liña cos sectores industriais estratéxicos —metalmecánico, automoción, naval, forestal-madeira, TIC, loxística, construción ou comercio— ou con altas taxas de colocación, entre elas, servizos socioculturais, sanidade, hostalaría ou medio ambiente.

Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251205/AnuncioG0767-031225-0001_gl.html

 

Loading...