A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou na xornada de peche da edición deste ano do programa Alento. Impulso á comunicación para emprender, promovido pola Xunta en colaboración co Clúster da Comunicación de Galicia. Esta iniciativa busca fortalecer o ecosistema emprendedor galego facilitando o acceso gratuíto a servizos profesionais de márketing e comunicación dos que nesta edición se beneficiaron preto de 30 proxectos.
Na xornada de peche desta edición, a directora xeral destacou a aposta do Goberno galego pola xeración de riqueza e emprego a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que conta xa con 15 oficinas distribuídas polo territorio galego. Estes centros ofrecen asesoramento gratuíto tanto a persoas que desexan iniciar un proxecto empresarial como a aquelas que xa emprenderon e buscan consolidarse.