Pablo Fernández destacou o desenvolvemento e implantación da ferramenta EMi, que está dispoñible nas 54 oficinas de emprego de Galicia e sincroniza oferta e demanda laboral co apoio da intelixencia artificial

Tamén se referiu á renovación acometida nas canles de atención á cidadanía do SPEG, á mellora das infraestruturas e do servizo, ao programa de seguimento intensivo da demanda de emprego e á flexibilización da formación para persoas desempregadas

Recoñeceu o labor esencial do persoal do SPEG para seguir avanzando na colaboración público-privada a prol da eficacia das políticas activas de emprego e a xestión do talento, cuestións clave para atender a retos como o da cobertura de vacantes

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, destacou os esforzos que está a facer Galicia a prol da modernización do Servizo Público de Emprego, aspecto no que seguirá afondando o vindeiro ano. Este proceso, expuxo, abarca o desenvolvemento e implantación da ferramenta EMi, que está dispoñible nas 54 oficinas de emprego de Galicia e sincroniza oferta e demanda laboral co apoio da intelixencia artificial; a renovación tecnolóxica das súas canles de atención á cidadanía, a modernización das infraestruturas, a mellora interna do servizo ou a flexibilización da formación para persoas desempregadas.

Así o destacou Pablo Fernández no marco do II Congreso anual do persoal de dirección das oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia, que ten lugar en Nogueira de Ramuín. Alí tamén recoñeceu o labor esencial do persoal do SPEG para seguir avanzando na colaboración público-privada a prol da eficacia das políticas activas de emprego e a xestión do talento, cuestións clave para atender a retos como o da cobertura de vacantes e para xerar emprego de calidade.

En relación ao software EMi, puxo de relevo a súa utilidade na orientación laboral destacando que Galicia é referente en España e Europa neste eido e que permitiu ata o momento o perfilado competencial de máis de 86.000 persoas. Ademais, sinalou que no 2026 o Goberno galego destinará 2 M€ para continuar potenciando esta ferramenta con distintas accións. Entre elas, unha aplicación móbil que permitirá aos cidadáns —sexan ou non demandantes activos de emprego— realizar autoperfilados das súas competencias profesionais.

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais tamén afondou nas melloras que se están a levar a cabo nas oficinas de emprego, un cometido ao que no 2026 o Goberno galego destinará preto de 8 M€. Neste eido, lembrou que está en licitación, entre outros, a redacción dos proxectos de distintas oficinas, entre elas a de Ourense A Ponte. A isto engadiu que o vindeiro ano se licitarán, cun orzamento de preto de 2M€, as obras para a creación dun espazo de empregabilidade no Carballiño, que integrará a oficina de emprego e o polo de emprendemento.

 

Loading...