A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe na presentación do primeiro faladoiro do programa Outonos Cooperativos, unha iniciativa do Consello Galego de Cooperativas en colaboración coa Xunta de Galicia co obxectivo de visibilizar a fórmula cooperativa e os seus valores mediante experiencias reais de entidades asentadas no territorio galego.

O primeiro encontro, no que tamén participou Espazo Coop, celebrouse nas instalacións da cooperativa de loxística farmacéutica Bidafarma onde Mariño puxo en valor este proxecto como exemplo da contribución social desta fórmula empresarial e destacou que o cooperativismo demostra que é posible xerar riqueza e servizo ao mesmo tempo, impulsando o desenvolvemento no territorio. A directora animou a considerar o cooperativismo como unha vía sólida para emprender, subliñando a súa crecente capacidade de diversificación e resiliencia, especialmente no ámbito rural e comarcal. Neste sentido, salientou o papel das cooperativas á hora de facer fronte a retos como o despoboamento e o envellecemento demográfico. Mariño lembrou tamén que a Xunta está a reforzar a visibilización e o diálogo permanente co sector mediante a tramitación do Anteproxecto da nova Lei de Cooperativas de Galicia, coa previsión de dispoñer dun texto definitivo no primeiro trimestre de 2026.

Loading...