O vindeiro xoves, 11 de decembro, a Casa de Galicia en Madrid acollerá a partir das 16,30 horas un evento no que emprendedores de referencia nacional e internacional vencellados á industria musical compartirán experiencias e talento
O vindeiro xoves, 11 de decembro, a Casa de Galicia en Madrid acollerá a partir das 16,30 horas un evento da iniciativa O camiño do emprendemento musical, un proxecto da Xunta dirixido a mozos e mozas interesados en desenvolver a súa carreira no sector musical como saída profesional. Nel, profesionais de referencia nacional e internacional vencellados á industria musical compartirán experiencias, talento e aspectos relacionados coas oportunidades de emprendemento neste sector.
Neste sentido, a xornada, organizada por Wake Up co apoio do Executivo galego —a través da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego— e da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), dividirase en tres bloques. Un deles estará centrado nas empresas musicais e nel participarán o responsable do Náutico de San Vicente do Mar, Miguel de la Cierva; o xerente da Sala Pelícano da Coruña, Luis Diz, e a presidenta de AGEM, Patricia Hermida. O segundo bloque centrarase nos eventos musicais e contará co director de Esmerarte Industrias Creativas, Joaquín Martínez (Kin); co fundador de Wake Up, José Patiño, e coa directora de produción do Festival de la Luz, Paula Domínguez.
O tema do terceiro bloque estará relacionado coa dimensión internacional de proxectos de emprendemento musical e contará coa participación da responsable da discoteca de referencia en música techno Blaster Club, Luka de Blas; o cofundador da escola da industria musical Music Business Academy, Nico Castro, e o promotor principal do proxecto Code (Fabrik), Nuke. Con xornadas coma esta e outras celebradas ao longo do ano no marco desta iniciativa, o Goberno galego busca fomentar novas vocacións emprendedoras na industria musical, consolidar o ecosistema, xerar sinerxías e impulsar proxectos innovadores.
As persoas interesadas en inscribirse, poderán facelo na web da Rede de polos de emprendemento a través desta ligazón, onde tamén poderán atopar máis detalles sobre a xornada.