José González destacou que Galicia Suma Talento: Rural Activo prevé beneficiar unhas 300 entidades locais con máis de 1.000 contratacións durante 9 meses principalmente para a prevención de lumes, dentro da renovación das políticas activas de emprego

Na convocatoria que sairá a comezos de 2026, asignarase un contrato extra —para os labores de coordinación que se incorporan como novidade— aos concellos adheridos ao convenio da Xunta coa Fegamp sobre prevención e defensa contra os incendios

O conselleiro destacou que Curtis foi un dos concellos que se acolleu á posibilidade incorporada na última convocatoria da contratación anticipada, ao igual que outra trintena de entidades locais da provincia da Coruña para un total de 72 contratos

Recordou que en toda Galicia distribuíronse en 2025 máis de 14,2 millóns de euros entre 298 municipios co obxecto de promover un total de 846 contratacións, 86 deles da provincia coruñesa para un total de 221 contratos a prol da prevención dos lumes

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo en valor hoxe en Curtis as novidades que incorporará o programa da Xunta en colaboración cos concellos a prol da empregabilidade cun eixe prioritario na prevención de incendios forestais, que aumentará o seu orzamento un 40 % —ata os 20 M€— e se verá reforzado coa nova figura coordinadora co gallo de fortalecer a planificación e eficacia destes labores. Na visita na que puido comprobar o traballo feito por estas brigadas que financia o Goberno autonómico, salientou que Galicia Suma Talento: Rural Activo —que se publicará a comezos de 2026— prevé apoiar unhas 300 entidades locais na contratación de máis de 1.000 persoas durante nove meses a xornada completa que realizarán tarefas como a planificación preventiva, valorización forestal, silvicultura, limpeza de montes ou xestión da biomasa.

No marco da renovación integral das políticas activas de emprego que está a promover a Xunta, González fixo fincapé en que coa nova convocatoria se irá moito máis aló de apoiar os custos salariais e de Seguridade Social das persoas contratadas, xa que se incorporarán tamén achegas para contratar persoas coordinadoras municipais de prevención de incendios, que poderán ter formación en enxeñería de montes, en enxeñería técnica forestal ou similares. Ao fío desta nova figura, asignarase un contrato adicional para estes labores de coordinación a todos os concellos adheridos ao convenio de colaboración da Xunta coa Fegamp en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Ademais, continuarase potenciando a formación das persoas contratadas en aspectos como as tarefas de prevención de incendios, o risco de lumes e o manexo de ferramentas e maquinaria empregada nestes labores, entre outros. Canto á selección das persoas beneficiarias —da que se encargan as oficinas de emprego—, seguiranse priorizando as beneficiarias da renda de integración social de Galicia ou as desempregadas que participasen en obradoiros de emprego, programas integrados de emprego, programas mixtos de formación e emprego ou accións formativas AFD relacionadas co eido forestal, conservación e mellora de montes, silvicultura, agricultura, gandaría e xardinaría.

Nesa liña, o conselleiro aproveitou para destacar que os obradoiros duais de emprego 2026-2027 contarán cun importe de 48,1 M€ dos que 20 M€ se destinarán a obradoiros que impartan certificados profesionais das familias agraria e de seguridade e medio ambiente, co fin de fortalecer aínda máis a prevención e extinción de incendios forestais e axudar na restauración dos territorios afectados polos lumes do verán/outono pasados.

Convocatoria 2025

José González destacou que a Xunta apoiou —no caso de Curtis— a contratación de cinco persoas desempregadas este ano en labores de prevención de incendios, no marco dos máis de 14,2 M€ distribuídos entre 298 municipios galegos para promover un total de 846 contratacións. Deles, 86 concellos son da provincia da Coruña, cun total de 221 contratos.

O Concello de Curtis foi un dos que se acolleu á contratación anticipada que se incorporou este ano, ao igual que outras 30 entidades locais da provincia da Coruña, para un total de 72 contratos (en toda Galicia foron 104 concellos e 314 contratos). Canto ás accións formativas impulsadas para as persoas contratadas, na provincia da Coruña beneficiáronse 70 persoas, das 253 do total galego.

Loading...