O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, valorou hoxe os datos de paro e afiliacións á Seguridade Social rexistrados en novembro, que en ambos casos anotan os mellores datos da serie histórica neste mes

En Galicia cae o desemprego nas comparativas anual (-8,35%) e mensual (-1,60%) a un maior ritmo que en España, sendo en porcentaxe a primeira comunidade na que máis baixa na comparativa mensual

Respecto ás afiliacións, un mes máis Galicia mantense por riba dos 1.100.000 (1.100.638 cotizantes), anotando 19.516 afiliados máis que hai un ano

O paro redúcese no último ano nas catro provincias, nas sete grandes cidades e en todos os sectores; e no relativo aos colectivos prioritarios, mulleres, menores de 30 anos e parados de longa duración acadan as cifras máis baixas da serie para este mes

Galicia rexistrou, con 111.572 persoas, a cifra de paro máis baixa nun mes de novembro desde que hai rexistros (1996) e suma 19.516 novas afiliacións á Seguridade Social en relación con novembro de 2024, acadando o mellor novembro con 1.100.638 cotizantes e manténdose por riba dos 1.100.000 desde xuño. Así o destacou hoxe o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, na valoración das cifras relativas ao pasado mes.

Pablo Fernández destacou que en novembro se rexistraron 10.170 persoas desempregadas menos que no mesmo mes de 2024, o que se traduce nunha redución do -8,35 %, máis de dous puntos de diferenza en relación ao conxunto do Estado (-6,23 %) e situándose Galicia como a segunda comunidade na que máis baixa o paro en porcentaxe. Engadiu que tamén baixa o paro a nivel intermensual (-1,60 %), tamén a un ritmo maior que a media estatal (-0,77%), sendo neste caso Galicia a comunidade autónoma de España na que máis cae o desemprego en porcentaxe.

En relación coa comparativa anual, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais destacou que o paro baixa nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores de actividade, liderando a baixada o primario (-12,19%), seguido da industria (-11,46%), da construción (-10,98%) e, por último, dos servizos (-7,39%).

No relativo aos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como dos menores de 30 anos e dos parados de longa duración, rexístrase a cifra máis baixa de desemprego para un mes de novembro de toda a serie histórica (maio 2005). No caso das mulleres desempregadas a redución anual é de 5.597 persoas (-7,92%), no caso das persoas desempregadas menores de 30 anos, hai 498 menos (-3,57%) e 6.185 menos en relación cos parados de longa duración (-10,07%).

Neste sentido, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais sinalou que estes resultados avalan as políticas activas de emprego da Xunta na procura dun mercado laboral activo, consolidado e que xere empregos de calidade.

 

Loading...