A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, pechou esta semana o último dos módulos deste curso, impulsado polo Goberno galego en colaboración co Espacio Vilaseco, Os Casares e a cesteira Idoia Cuesta
Miguel Leiro (Premio Nacional de Deseño 2025) foi o encargado de impartir a última parte da formación dedicada ao deseño de obxectos a partir das técnicas de traballo coas fibras adquiridas polo alumnado desde o mes de febreiro
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu esta semana ao peche do curso Fibranzas. Laboratorio das fibras vexetais, celebrado en San Cristovo de Mouricios (Chantada). Trátase do curso máis longo dos enmarcados no programa formativo Aprender da tradición. Oficios e técnicas, que se vén celebrando desde o mes de febreiro deste ano. Fabeiro destacou a aposta que supón este programa e, moi especialmente Fibranzas tanto pola súa extensión no tempo como polos diferentes perfís de docentes que o fixeron posible, e anunciou que se está a traballar nunha nova edición de cara ao próximo ano.
Esta última parte do curso —impartida polo deseñador galego Miguel Leiro, Premio Nacional de Deseño 2025 —estivo centrada no deseño de obxectos e na creación de prototipos dunha colección de pezas, en base ás técnicas adquiridas polo alumnado durante os diferentes módulos e a partir das fibras vexetais locais coma o liño, o vimbio ou o castiñeiro.
Fibranzas. Laboratorio de fibras vexetais é unha acción formativa enfocada na divulgación e na transmisión dos oficios e dos labores de palla, do traballo con fibras vexetais en sentido amplo, impartido por recoñecidos cesteiros, deseñadores e artistas que fixeron posible abordar o proceso completo: desde a obtención das fibras vexetais cesteables ata o deseño de produto e a produción artística, pasando tamén polas técnicas de cestería tradicional. Esta formación está organizada pola Fundación Artesanía de Galicia en colaboración coa Galería Vilaseco, con Os Casares e con Idoia Cuesta, no marco do seu programa formativo Aprender da tradición. Oficios e técnicas.
Entre os docentes atopáronse os cesteiros Álvaro M. Leiro (Premio Nacional de Artesanía 2023) e Enrique Táboas, Idoia Cuesta (Premio Artesanía de Galicia 2021 e Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2014), os cesteiros daneses Jette Mellgren e Jan Johansen, especializados en cestería e paisaxismo, o catalán Pau Trepat, ou a artista Sonia Navarro, ademais de Miguel Leiro.

Aprender da tradición
Iniciado a finais de 2023, Aprender da Tradición. Oficios e técnicas é un programa formativo único en España, unha estratexia pioneira enfocada a garantir a remuda xeracional no sector artesanal galego, como vertebrador do territorio e fixador de poboación especialmente no rural. Entre os seus obxectivos principais atópase capacitar os artesáns e expertos en oficios artesanais para que poidan transmitir os seus coñecementos, facilitar a formación de novas xeracións interesadas en aprender estes oficios e técnicas, fomentar a comercialización de produtos elaborados por artesáns locais e sensibilizar a comunidade sobre a importancia da conservación dos oficios tradicionais, revalorizar e visibilizar os procesos artesanais vinculados aos vellos saberes para ofrecer novos valores, e tamén afianzar un sector artesanal competitivo capaz de aglutinar todo o talento artesán.
O programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas está dirixido, por unha banda, a artesáns profesionais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e, pola outra, á captación de novos perfís ao mundo da artesanía, clave para asegurar o futuro do sector. Así, potenciarase unha nova xeración de artesáns cun fondo coñecemento práctico dos seus oficios e conséguese —mediante cursos de formación— proporcionarlles as habilidades que antes se conseguían entrando a traballar de aprendices nos propios obradoiros, como complemento á formación máis teórica que se pode adquirir nas escolas. Deste xeito, dáselle continuidade aos oficios tradicionais vinculados ao territorio, asegurando a dinamización cultural, turística e económica de Galicia.