Hoxe asinouse un manifesto de vontades para crear esta nova plataforma ferramenta, que estará aberta a todo aquel que desexe adherirse no ámbito do ecosistema emprendedor galego

Adianta que a Xunta xa traballa nunha Estratexia de emprendemento ligada ao territorio, para a que agora se iniciará un período de consultas, e que busca conectar o talento e os recursos de cada comarca en proxectos viables, sostibles e con impacto

Pon en valor os esforzos feitos ata agora nesta materia, que lle valeron a Galicia o seu recoñecemento como Rexión Emprendedora Europea 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, adiantou hoxe que o Goberno galego está impulsando a posta en marcha dunha rede de fomento do emprendemento que se baseará na colaboración público-privada. A través da mesma, búscase crear unha estrutura estable de coordinación, presente en todo o territorio, co obxectivo de que calquera persoa, en calquera parte de Galicia, poida acceder á formación, acompañamento ou ao financiamento necesario para o seu proxecto: “Non se trata de inventar cousas novas, non se trata de inventar ningunha fórmula máxica, senón que se trata de reforzar o que xa vimos facendo. Calquera emprendemento ligado ao territorio vai ser máis sostible, vai xerar máis valor económico e vainos a traer máis vantaxes”, destacou o presidente.

Así o explicou hoxe durante a súa participación no I Congreso Ultreia Galicia, no que tamén participou o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e que reuniu no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil a máis de 200 integrantes do ecosistema emprendedor. De feito, durante o acto asinou o manifesto de vontades destinado á crear esta rede de emprendemento.

Tamén o asinaron a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a Universidade de Vigo, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a Fundación Juana de Vega, a Empresa nacional de innovación (Enisa) e o Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal). Con todo, este manifesto está aberto á participación de calquera outro axente do ecosistema emprendedor que se queira adherir a el.

Esta iniciativa forma parte da futura Estratexia de emprendemento ligada ao territorio na que xa está traballando o Goberno galego, e da que hoxe se presentaron as liñas mestras: “Somos unha comunidade autónoma que apoia aos emprendedores, témolo moi a gala. Desde as iniciativas con liñas de axudas máis pequenas, ata a Oficina económica, a nosa mentalidade vai sempre dirixida a iso: a botar unha man, a ser uns aliados dos que se xogan o seu futuro decidindo emprender aquí”, apuntou o presidente na súa intervención.

Contará con sete obxectivos principais, que pasarán por impulsar e especializar máis a rede de polos de emprendemento —que entre outras novidades, sumará ás oficinas fixas outras itinerantes que levarán apoio ás zonas máis pequenas e rurais—; facilitar a remuda xeracional —con futuras medidas como unha bolsa de negocios en traspaso e un escaparate dixital— e atraer talento da Galicia Exterior; fomentar a coordinación entre os diferentes recursos e promover un financiamento adaptado ás necesidades reais; integrar a educación emprendedora en todos os niveis formativos e apostar pola innovación no ámbito institucional: “Hai que seguir insistindo na educación emprendedora. Non podemos ter bos emprendedores se esa cultura emprendedora non somos capaces de inculcala desde o principio, desde a idade escolar. Hai que inculcar o valor de que ser emprendedor, querer xerar riqueza no propio territorio, é algo que vale a pena”, resaltou.

A partir de agora, desde a Xunta abrirase un período de reunións e consultas para poñer en común este traballo previo e sumar as achegas de todos os axentes do sector co obxectivo de enriquecer o documento.

Coa iniciativa, a Xunta busca consolidar os recursos dirixidos ao emprendemento que xa funcionan -como a Rede de polos, o Bono Remuda, o proxecto Fixar ou as políticas de retorno- e combinalas con outras medidas novas que permitan dar un impulso renovado a este sector. De feito, recordou que todos os esforzos feitos ata o momento valéronlle a Galicia o recoñecemento como ‘Rexión Europea Emprendedora en 2025’.

En definitiva, o presidente avogou por crear un ecosistema no que as ideas dos emprendedores galegos, e especialmente aquelas que proveñan do rural ou de zonas despoboadas, conten co apoio e recursos necesarios para converterse en realidade: “Todos traballamos polo mesmo obxectivo, todos queremos o mesmo. Oxalá podamos seguir crecendo en rede, coordinados, conxuntamente e en beneficio xeral”, rematou o presidente.

 

Loading...