Como autoridade laboral, o Goberno galego, como non pode ser doutro xeito, velará polo cumprimento da lexislación laboral e denunciará calquera ilegalidade
Cabe lembrar que grazas ás xestións realizadas polo Executivo galego, a Inspección de Traballo concedeu a Sargadelos un prazo suficientemente amplo para acometer as actuacións necesarias
En paralelo, e tendo en conta a singularidade da planta, declarada Ben de Interese Cultural, a Xunta fixo un esforzo maior e está a colaborar co financiamento das obras
Dentro desta colaboración, xa se completaron os estudos sobre as condicións do sistema de ventilación e extracción, así como parte das actuacións esixidas
Como xa se trasladou en anteriores ocasións, o subsanamento das eivas detectadas é perfectamente compatible co mantemento da actividade e permite garantir a seguridade e saúde do persoal
En relación coa situación da planta de Sargadelos en Cervo, a Xunta de Galicia insta de inmediato á dirección da empresa a reanudar a actividade canto antes en defensa dos dereitos dos traballadores. Como autoridade laboral, o Goberno galego, como non pode ser doutro xeito, velará polo cumprimento da lexislación laboral e denunciará calquera ilegalidade que sexa detectada.
Así, respecto das negociacións levadas a cabo desde abril, cabe lembrar que a Xunta actuou desde o primeiro momento con absoluta responsabilidade, mantendo un contacto permanente tanto coa empresa como coa Inspección de Traballo, e mediando para que se ofrecese a máxima flexibilidade á dirección —dentro da legalidade vixente— para a realización das obras necesarias para subsanar as deficiencias detectadas.
Como resultado das xestións realizadas pola Xunta, a Inspección de Traballo concedeu a Sargadelos un prazo suficientemente amplo para acometer as actuacións previstas no requerimento de marzo de 2025 e no de setembro de 2024. Neste contexto, no día de hoxe a Inspección de Traballo realizou unha visita rutineira ás instalacións para comprobar o cumprimento das actuacións solicitadas.
A Xunta está a colaborar co financiamento das obras, tendo en conta a singularidade da planta, declarada Ben de Interese Cultural desde 2014. Dentro desta colaboración, xa se completaron os estudos sobre as condicións do sistema de ventilación e extracción, así como parte das actuacións esixidas.
Como xa se trasladou en anteriores ocasións, o subsanamento das eivas detectadas é perfectamente compatible co mantemento da actividade e permite garantir a seguridade e saúde do persoal.