A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, clausurou hoxe a xornada Axendas e iniciativas innovadoras en economía verde e amarela, celebrada en Santiago no marco do proxecto transfronteirizo ES-Factory, de cooperación Galicia–Norte de Portugal e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027. Esta iniciativa, liderada pola Xunta, ten como obxectivo impulsar e consolidar emprego de calidade en novas actividades emerxentes do territorio transfronteirizo a través da economía social. Concretamente, neste seminario presentáronse a Axenda Intersectorial en economía verde, elaborada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) e a Axenda Intersectorial en Economía Amarela, elaborada pola Incubadora de Iniciativas Empresariais Innovadoras (In.Cubo), ambas entidades socias do proxecto.

Marta Mariño destacou as oportunidades que brinda a economía social para promover novas iniciativas vinculadas ao medio ambiente, ao uso de recursos sostibles, así como ao coñecemento, a tecnoloxía e a innovación. Subliñou que a economía social é unha fórmula que leva tempo demostrando a súa resiliencia e capacidade de adaptación, xerando oportunidades máis inclusivas e cohesionadoras para o territorio. Lembrou, ademais, que no marco do proxecto ES-Factory está aberto —ata o 3 de decembro— o prazo de inscrición para a aceleradora de economía social Xunta Impulsa, que se desenvolverá no Polo de Vilanova de Arousa e que está dirixida á formación e asesoramento de dez proxectos de economía social, participantes nun programa formativo complementado con sesións de mentoría especializada.

Loading...