José González subliñou que será a primeira norma reguladora que institucionalizará o diálogo social en Galicia e servirá para actualizar a composición das mesas que o compoñen e nas que están representadas diferentes consellerías
Puxo como exemplo o grupo específico constituído dentro deste espazo de negociación colectiva para a busca de solucións conxuntas a prol da prevención do absentismo laboral inxustificado
Fixo fincapé na función esencial de mediación do Consello Galego de Relacións Laborais para favorecer a convivencia no ámbito laboral e sinalou que no 2026 contará cun orzamento de 1,4 M€ para seguir afianzando o seu traballo
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, expuxo hoxe que o futuro decreto autonómico que institucionalizará o diálogo social en Galicia impulsará a adaptación deste espazo de negociación colectiva ás novas realidades laborais. Ademais, con el establecerase por primeira vez unha norma reguladora da Mesa de Diálogo Social de Galicia, da que forman parte o Goberno galego e os axentes sociais, co fin de dotalo de maior transversalidade.
Así o destacou durante a clausura do XXI Encontro Galego de Relacións Laborais. Negociación colectiva e solución de conflitos: desafíos e boas prácticas, organizado polo Consello Galego de Relacións Laborais —presidido por Antía Sández— e onde tamén estivo o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández.
Alí o conselleiro tamén concretou que o decreto de diálogo social servirá para actualizar a composición das mesas que compoñen o diálogo social e nas que están representadas diferentes consellerías. Actualmente estas mesas son a Mesa de Emprego, que inclúe os grupos de traballo de Políticas activas de emprego e flexibilidade da formación, prevención de riscos laborais e absentismo laboral e Igualdade laboral e a Mesa de Economía e Industria, cos grupos de traballo de Industria e enerxía, Naval e Automoción.
Por exemplo, no caso do grupo específico sobre o absentismo constituído dentro deste espazo de negociación, lembrou que o Goberno galego está traballando cos axentes sociais na prevención do absentismo laboral inxustificado. O obxectivo, subliñou, é abordar dun xeito integral esta cuestión na procura de solucións que favorezan a produtividade empresarial e que blinden os dereitos das persoas traballadoras. A este desafío, engadiu tamén atenderá a nova estratexia galega de responsabilidade social empresarial que a Xunta deseñará o ano que vén co foco no benestar laboral.
Neste eido, tamén puxo en valor o labor clave do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) coas actuacións enmarcadas na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 que ten en conta novos escenarios como a dixitalización, os riscos climáticos ou a transición demográfica.

Salvagarda das relacións laborais
En relación co Consello de Relacións Laborais, José González fixo fincapé na súa función esencial de mediación a prol da convivencia no ámbito laboral e sinalou que no 2026 contará cun orzamento de 1,4M€ para seguir afianzando o seu traballo. Un labor, concretou, que se enmarca na aposta da Xunta como administración facilitadora e que tamén abarca estes encontros de debate cos axentes sociais nas mesas que se constituíron. Unha delas relacionada cos desafíos da negociación colectiva e elementos que contribúen a optimizala e a outra coas boas prácticas na mediación laboral. Nesta liña, expuxo que a finalidade é extraer conclusións das experiencias das persoas participantes para complementar o Código de boas prácticas na mediación laboral.