O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron hoxe en Pontevedra nas Charlas de emprendemento organizadas por APE Galicia

Destacaron a aposta de Galicia pola actividade económica vertebradora do territorio que se seguirá potenciando en 2026 con ferramentas como a Rede de polos de emprendemento, que conta con 15 oficinas distribuídas polo territorio galego

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron hoxe en Pontevedra nas Charlas de emprendemento organizadas por APE Galicia. Esta cita incluíu tres mesas redondas relacionadas con cada un dos polos de emprendemento da provincia de Pontevedra —O Porriño, Silleda e Vilanova de Arousa—, nos que se levan atendido máis de 1.500 proxectos emprendedores e que co seu labor contribuíron á creación de arredor dun cento de empresas.

En cada unha das mesas abordouse a realidade destas oficinas da Rede de polos de emprendemento e un caso de éxito, que foron Gerentino App relacionada co ámbito da hostalaría, no caso do polo de Vilanova de Arousa; Meleiras do Suído, do ámbito da apicultura, na mesa do Porriño e Round Finance na parte correspondente ao polo de emprendemento de Silleda. Ademais, explicáronse apoios que a Xunta pon a disposición das persoas traballadoras autónomas como o paquete único de axudas específicas para este colectivo ao que se destinarán preto de 41 M€ o ano que vén.

Alí, os representantes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración puxeron de relevo a aposta de Galicia pola actividade económica vertebradora do territorio que se seguirá potenciando en 2026 con ferramentas como a Rede de polos de emprendemento, que conta con 15 oficinas distribuídas polo territorio galego, entre elas as tres da provincia de Pontevedra.

Ademais, lembraron que no marco do recoñecemento a Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025, os vindeiros 27 e 28 de novembro terá lugar na Ribeira Sacra encontro de emprendemento Ultreia Galicia. Esta cita incluirá, entre outras cuestións, a sinatura dun compromiso de coordinación entre as entidades público-privadas que están asesorando o emprendemento en Galicia e a presentación das liñas mestras da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio. Lembraron que as persoas interesadas en asistir poden inscribirse de xeito gratuíto na web www.ultreiagalicia.com.

Loading...