O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado da directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participou hoxe en Vigo na inauguración do 9º congreso A prevención e seguridade Industrial 4.0, organizado polo Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais (Cgeti) e pola Asociación de Profesionais de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Aprosal) e apoiado pola Xunta a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga). Alí, puxo en valor a cita á hora de achegar ás empresas as posibilidades das novas tecnoloxías no eido da prevención e seguridade laboral, neste caso, aportando unha maior automatización, conectividade e globalización.
Nese senso, o secretario xeral destacou que o programa do congreso inclúe relatorios e actividades centradas nas novas obrigacións empresariais en prevención de riscos laborais e na influencia das tecnoloxías 4.0, incluído un xuízo simulado. Fixo fincapé en que a Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 contempla adecuar a prevención de riscos laborais ás novas formas de traballo incidindo na redución da sinistralidade nos sectores máis afectados, tendo en conta a intelixencia artificial, o big data, os robots colaborativos, a Internet das cousas, os algoritmos ou as plataformas dixitais de traballo.
