O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron hoxe na quinta edición do evento Cafés con aroma a economía social, organizado polo Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal). A iniciativa busca poñer en valor a converxencia entre economía social, gobernanza e sostibilidade como unha aliada estratéxica para o conxunto da economía galega.

Pablo Fernández destacou a importancia de que os valores da economía social formen parte tamén da cultura empresarial en xeral. Nese sentido, avanzou que a Xunta deseñará o vindeiro ano unha nova estratexia de responsabilidade social empresarial adaptada aos cambios actuais no mercado laboral. Ademais, puxo en relevo o carácter pioneiro do programa autonómico Responsabilízate, destinado a impulsar a implantación da sustentabilidade en pemes e microempresas mediante asesoramento personalizado e gratuíto. Na súa próxima edición, o programa reforzará especialmente as actuacións vinculadas ao benestar laboral. Pola súa banda, Marta Mariño subliñou que a economía social é unha fórmula que leva tempo demostrando a súa resiliencia e capacidade para adaptarse e xerar oportunidades máis inclusivas e cohesionadoras para o territorio. Sinalou tamén a importancia de traballar da man de entidades como Foroesgal para seguir avanzando na consolidación deste modelo. Finalmente, lembrou que o compromiso da Xunta coa economía social queda recollido nos orzamentos de 2026, que destinan 10,6 millóns de euros ao reforzo de programas clave como Aprol Economía Social, ES-Transforma, ES-Factory e o Bono Consolida.

Loading...