A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta tarde na xornada ‘Cooperativismo: unha nova forma de liderar o crecemento empresarial’, organizada por Empresarias Galicia
Destacou a aposta estratéxica do Goberno galego polo cooperativismo e pola economía social como modelo empresarial resiliente, capaz de contribuír ao desenvolvemento económico, á cohesión social e á fixación de poboación no territorio
Salientou que, por primeira vez, se superou o fito das 2.000 cooperativas activas, cifra que supón un incremento do 40 % con respecto a hai tan só cinco anos, e que se traduce nun volume global de facturación superior aos 3.000 millóns de euros anuais
Lembrou que Galicia avanza na tramitación do Anteproxecto da nova Lei de Cooperativas, coa previsión de contar cun texto definitivo aprobado no primeiro trimestre de 2026
Ademais, indicou tamén que o compromiso co sector queda reflectido nos orzamentos da Xunta para 2026, que destinan 10,6 millóns de euros ao reforzo de programas clave como Aprol Economía Social, ES-Transforma, ES-Factory e o Bono Consolida
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta tarde na xornada Cooperativismo: unha nova forma de liderar o crecemento empresarial, organizada por Empresarias Galicia co apoio da Xunta. No encontro, destacou a aposta estratéxica do Goberno galego polo cooperativismo e pola economía social como modelo empresarial resiliente, capaz de contribuír ao desenvolvemento económico, á cohesión social e á fixación de poboación no territorio. Mariño puxo tamén de relevo o papel crecente das mulleres neste ámbito, salientando que a economía social abre novas oportunidades para o emprego feminino e para impulsar formas de liderado máis participativas e colaborativas.
A directora xeral subliñou ademais o momento histórico que vive o cooperativismo galego, que por primeira vez superou o fito das 2.000 cooperativas activas, o que supón un incremento do 40 % respecto de hai apenas cinco anos. Este dinamismo tradúcese nun volume global de facturación superior aos 3.000 millóns de euros anuais.
No marco da proclamación por parte da ONU do Ano Internacional das Cooperativas 2025, Mariño explicou que a Xunta está a reforzar a visibilización e o diálogo permanente co sector mediante a tramitación do Anteproxecto da nova Lei de Cooperativas de Galicia, coa previsión de contar cun texto definitivo no primeiro trimestre de 2026. A futura norma converterase nunha panca para facilitar a creación e consolidación de cooperativas, impulsar o Rexistro Autonómico e adaptar o marco regulador ás necesidades actuais da economía social, prestando especial atención ás ferramentas de apoio ao emprendemento e á participación.
Finalmente, recordou que este compromiso coa economía social queda reflectido nos orzamentos da Xunta para 2026, que destinan 10,6 millóns de euros ao reforzo de programas clave como Aprol Economía Social, ES-Transforma, ES-Factory e o Bono Consolida. A estes recursos súmanse 2,7 millóns de euros orientados a fortalecer a Rede Eusumo e a apoiar ás entidades representativas da economía social para desenvolver accións de información, divulgación, asesoramento, formación e promoción en todo o territorio galego.