O delegado territorial visitou unha das dúas entidades que se beneficiaron destas axudas que deixaron un total de 37.500 euros no concello de Bueu
Reguera lembrou a aposta da Xunta por políticas que melloren a empregabilidade das persoas desempregadas e que apoien aos pequenos e medianos empresarios galegos
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións da Óptica Divergente, no concello de Bueu, que foi unha das entidades beneficiadas polas axudas para o fomento do emprendemento en economía social.
Trátase dunha liña de axudas que pretende fomentar a contratación de persoas desempregadas á vez que apoia ás e sociedades laborais e cooperativas galegas.
Así, na área territorial de Pontevedra foron preto de 30 as entidades que se beneficiaron destas axudas por un valor total de 450.000 euros. No concello de Bueu, ademais da Óptica Divergente, tamén recibiu esta axuda a Tintorería Loly, deixando unha achega total neste concello de 37.500 euros.
O delegado territorial aproveitou a visita para destacar o compromiso da Xunta co coidado e apoio das pequenas e medianas empresas e cooperativas galegas e o fomento do emprego porque, segundo asegurou, “a mellor política social que se pode levar a cabo é a política de emprego”.
Neste sentido, Reguera sinalou que a Xunta leva a cabo unha política integral que abarca desde o fomento da inserción laboral das persoas desempregadas, con iniciativas como os obradoiros duais de emprego, ou os Plans Integrados de Emprego, ata o fomento da contratación e emprendemento por parte de entidades privadas con iniciativas como a que beneficiou á Óptica Divergente.
