A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá na sede de Cogami, en Ferrol, aos participantes nun curso de capacitación práctica en xestión e servizos administrativos
Esta é unha das accións formativas para persoas desempregadas (AFD) que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración apoia a través da convocatoria 2025-2026
A orde conta cun orzamento de 50 M€ e foi reformulada por completo no marco da transformación cara a un modelo máis eficaz e aliñado coas necesidades reais do tecido produtivo
A Xunta concedeu, ata o momento, case dous millóns de euros en axudas para financiar un total de 33 accións formativas para persoas desempregadas (AFD) en 12 entidades das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Así o informou esta mañá a delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, durante unha visita á Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Cogami, beneficiaria desta convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que entre as anualidades 2025 e 2026 permitirá impartir na zona máis de 20.500 horas formativas.
En concreto, a entidade está a impartir un curso en Ferrol de operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais de máis de 500 horas formativas a un total de 13 alumnos procedentes dos concellos de Mugardos, Narón, Ferrol, Fene e Pontedeume. A acción formativa recibe unha achega de 48.000 euros por parte da Administración autonómica.
Durante a visita, na que a delegada territorial estivo acompañada do vicepresidente de Cogami, Ramón Sestayo, lembrou que a convocatoria dotada con 50 M€ e representa un avance estratéxico na consolidación do novo modelo galego de formación para o traballo. Segundo explicou Aneiros o obxectivo co que traballa a Xunta é o de consolidar unha oferta pública de formación “máis dinámica e aliñada coas necesidades reais do mercado laboral”.
Entre as principais novidades desta convocatoria, introdúcese a posibilidade de recibir microformacións e, por primeira vez, inclúese a formación dual obrigatoria nas formacións de longa duración, cun mínimo do 25% das horas a desenvolver en contornas de traballo. Tanto as entidades formativas e as empresas como as oficinas de emprego reforzan o seu papel nesta convocatoria, podendo o tecido produtivo demandar directamente accións formativas a través dos centros para garantir unha resposta máis áxil ás súas demandas, mentres as oficinas de emprego identifican as necesidades por sectores e territorios e propoñen itinerarios aos candidatos coa axuda de ferramentas como EMi.
Aneiros lembrou que a presente convocatoria completarase en 2026 cunha nova que estará aberta desde comezos de ano co obxectivo de desestacionalizar a oferta formativa.
Por último, resaltou a importancia destas axudas en tanto “ofrecen unha oportunidade de mellora das competencias profesionais e de acceso ao mercado laboral, combinando formación teórica con prácticas en empresas”.
